A Xerencia da área Sanitaria de Vigo asegurou que establecer un terceiro radiólogo de garda presencial toda a semana, como solicitan os facultativos en folga, “imposibilitaría o desenvolvemento normal do servizo” na cidade olívica. Así o sinalou nun comunicado enviado aos medios de comunicación, onde explicou que a falta de profesionais dispoñibles é o “principal inconveniente” á hora de reforzar as quendas de garda.
Ademais, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) debullou que cando un facultativo realiza unha garda, “deixa de atender ao día seguinte a súa actividade ordinaria”, polo que establecer unha terceira persoa de garda “imposibilitaría o desenvolvemento normal do servizo”.
En total, segundo as súas contas, hai ata cinco radiólogos de garda cada día. En concreto, o servizo conta con dous en presenza física e un terceiro localizado, así como outros dous de garda en diagnósticos e tratamentos urxentes, como ictus. Ante esta situación, a dirección da área Sanitaria trasladou unha proposta ao persoal, que consistía en reforzar os luns a cobertura de gardas cunha terceira persoa e reforzar cunha presenza máis a actividade complementaria polas tardes, “respondendo así os picos de demanda asistencial“, que aseguran ser entre as 15.00 horas e as 22.00 horas.
“A dirección non recibiu ata o momento comunicación formal de rexeitamento nin contraoferta por parte dos profesionais e mantén abertas as portas ao diálogo e á negociación, co obxectivo de conseguir un acordo que garanta a calidade asistencial do servizo”, apuntou o Sergas.