O director Miguel Anxo Delgado estreou este xoves no Festival de San Sebastián a súa última película, ‘San Simón’, unha cinta sobre “a construción da memoria” e cuxa esencia “é unha elexía á memoria da illa”, unha illa que funcionou durante case sete anos como prisión franquista.
“‘San Simón’ é un proxecto que me levou anos de traballo e de investigación en fondos documentais, arquivos e coa colaboración de distintas asociacións e institucións que participaron. É tamén un proxecto de investigación artística sobre a illa e sobre o resto de localizacións que compoñen a historia”, debullou o director.
En concreto, trátase da única cinta que se proxectará en galego nesta edición do festival, algo polo que o propio director confesaba sentirse “moi feliz, contento e ilusionado”. Así o aseguraba esta mesma semana nun pase de prensa pechado que tivo lugar en Santiago de Compostela.
Alí, o cineasta compartiu cos medios a súa “ilusión” por estrear un proxecto que lle levou anos de investigación e co que explorou o pasado violento deste pequeno illote da costa galega.
“A película é o froito dunha investigación para, precisamente, descubrir que ocorreu alí. A esencia da película é un relato, unha elexía á memoria da illa, é unha película sobre a construción da memoria”, relataba Delgado.
Trátase dun proxecto no que Miguel Anxo Delgado reuniu a actores e actrices profesionais, pero tamén a outros sen experiencia previa na actuación e, mesmo, a familiares dalgúns dos presos en San Simón.
Nos seus 108 minutos de duración, a película reflicte os traballos forzosos aos que eran sometidos os presos, dos cales “moitos nin sabían porqué estaban alí”, pero tamén a insalubridad á que debían facer fronte na colonia, a liña entre o ben e o mal, ou a esperanza e a perda desta por parte dos presos.
En branco e negro e cos recordos dun dos presos como fío condutor, ‘San Simón’ narra a historia da illa pontevedresa cando foi un campo de concentración de reclusos republicanos. Unha mirada ao pasado da illa coa que o director constrúe a memoria da illa desde o punto de vista das vítimas.
Con todo, o filme arrinca en outubro de 1936, momento de apertura desta colonia penal que estivo en funcionamento ata marzo de 1943, practicamente sete anos nos que case 6.000 persoas pasaron por ela.
