Un home enfróntase a máis de 4 anos de cárcere por masturbarse en varias ocasións diante dunha menor nunha rúa de Vigo e tocarlle unha nádega á nova. A vista sobre este caso levouse a cabo este mércores no Xulgado do Penal número 2 de Vigo a porta pechada. Fiscalía acusa o home dun delito continuado de exhibicionismo, ou alternativamente un delito de coaccións, e dun delito de agresión sexual.
Polo primeiro dos delitos pide un ano de prisión ou ano e 11 meses se se condena polo delito de coaccións. En calquera caso, tamén solicita unha pena de prohibición de aproximación á vítima de 200 metros durante 3 anos.
Ademais, polo delito de agresión sexual, o Ministerio público pide unha pena de 2 anos e medio de cárcere, así como liberdade vixiada durante 4 anos e inhabilitación para calquera oficio que leve contacto con menores durante 7 anos e 5 anos de afastamento da menor. Por outra banda, o acusado, que xa foi condenado anteriormente por feitos similares, deberá indemnizar á moza con 2.000 euros polos danos morais.