InicioVigo e contornaVigoAnulan unha cláusula chan nunha hipoteca de 2005 por falta de transparencia

Anulan unha cláusula chan nunha hipoteca de 2005 por falta de transparencia

O Xulgado de Primeira Instancia de Vigo declarou nula unha cláusula solo dun préstamo hipotecario subscrito en 2005 coa entidade Unicaja Banco ao considerala "abusiva".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Xulgado de Primeira Instancia de Vigo declarou nula unha cláusula chan incluída nun contrato hipotecario subscrito no ano 2005 con Unicaja Banco, ao considerar que se trataba dunha condición abusiva imposta sen a debida transparencia. A decisión implica que a entidade deberá devolver ao cliente todas as cantidades cobradas indebidamente pola aplicación desta cláusula ao longo dos últimos anos, ademais dos intereses legais correspondentes desde cada pagamento.

Na resolución xudicial, á que tivo acceso este medio, o tribunal subliña que a cláusula non foi incorporada ao contrato de forma clara nin salientada como un dos elementos esenciais da operación. “É claro que non existe nin sequera unha inclusión clara e concisa na escritura da existencia da devandita cláusula como obxecto principal do contrato á que nin sequera se alude expresamente”, recolle o fallo.

SEN NEGOCIACIÓN INDIVIDUAL CO CLIENTE

O xuíz destaca tamén a ausencia de proba que acredite que a cláusula foi obxecto dunha negociación individualizada entre o banco e a persoa consumidora. En concreto, sublíñase que non se realizaron simulacións nin consta ningunha documentación que indique que o cliente fose advertido do seu alcance económico real: “Tampouco hai proba algunha de que a cláusula se negociase individualmente co prestatario”, sinala o escrito.

Contra esta sentenza cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, aínda que polo momento non transcendeu se Unicaja Banco ten intención de recorrer.

SATISFACCIÓN DA DEFENSA DA DEMANDANTE

Desde Oulego Avogados e Consultores, o despacho que levou o caso, valoran a sentenza como unha “nova vitoria” na defensa dos dereitos das persoas afectadas por prácticas bancarias que consideran “opacas e desproporcionadas”. A resolución súmase a outras decisións xudiciais semellantes emitidas en Galicia nas últimas tempadas, consolidando a doutrina sobre a nulidade das cláusulas chan que non cumpran co deber de transparencia.

Este tipo de cláusulas, incluídas en moitas hipotecas a tipo variable, limitaban a baixada do tipo de xuro aplicable, o que impedía aos clientes beneficiarse das reducións nos índices de referencia como o Euribor. Nos últimos anos, numerosas sentenzas teñen declarado a súa nulidade cando non foron explicadas de forma clara e comprensible.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...