InicioPolíticaO Pleno aproba o PXOM co único voto favorable do PSOE: "Enterramos...

O Pleno aproba o PXOM co único voto favorable do PSOE: “Enterramos a especulación e á oposición”

O Pleno da Corporación municipal de Vigo aprobou este luns definitivamente o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), co único voto favorable dos 19 edís do PSOE, a abstención do PP (5 concelleiros) e o voto en contra dos tres representantes do BNG.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Pleno da Corporación municipal de Vigo aprobou este luns definitivamente o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), co único voto favorable dos 19 edís do PSOE, a abstención do PP (5 concelleiros) e o voto en contra dos tres representantes do BNG. Na sesión extraordinaria, que transcorreu sen incidentes, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, defendeu o novo plan, o primeiro que conta avaliación estratéxica ambiental, e que ten “como prioridade” a vivenda protexida, con máis de 51.000 novas vivendas (14.500 con algún tipo de protección).

Igualmente, a responsable municipal de Urbanismo destacou que, fronte á contestación que tivera o Plan de 2008, con máis de 60.000 alegacións, este novo documento tivo unhas 4.500 reclamacións, das que se aceptaron total ou parciamente “o 45 %”. Caride explicou que o novo Plan non só pretende garantir o acceso á vivenda, senón que tamén incrementa as zonas verdes, espazos dotacionais, rexenera espazos e prevé adecuar as infraestruturas viarias para “resolver problemas históricos e anticiparse a outro”. Así, referiuse á integración da AP-9 na cidade, á permeabilización da VG-20, ou á nova autovía A-52 en túnel.

A edila de Urbanismo censurou que a Xunta dificultou a tramitación do plan e que estivo “ausente” na promoción de vivenda pública. Ademais, advertiu ao PP de que absterse é recoñecer “que non teñen ningunha idea para Vigo” e tamén sinalou a ‘populares’ e nacionalistas que o novo PXOM “elimina a especulación e plusvalías que pensaban obter os seus amigos”. “Acabáronse as urbanizacións privadas, sen dotacións nin cesións, para os amigos do PP e o BNG”, proclamou.

PLAN “SUPERLEXITIMADO” E “EXEMPLO DE PARTICIPACIÓN”

Pola súa banda, o portavoz do goberno local, o socialista Carlos López Font, defendeu que a novo PXOM foi “un exemplo de participación cidadá” e acusou a PP e a BNG de “non querer que avance a cidade”. Ao seu xuízo, un plan aprobado polo 70 % dos concelleiros da Corporación está “superlexitimado”. “Este Plan hoxe vótano 19 concelleiros de 27, e en maio de 2027 vano votar os cidadáns”, asegurou. Ademais, proclamou que o novo Plan porá fin á “especulación” da que ‘populares’ e nacionalistas son “herdeiros”. “Hoxe enterramos a especulación, pero algo máis importante, hoxe enterramos á oposición”, remarcou López Font, que tamén fixo fincapé en que o documento urbanístico contou con todos os informes favorables, unha trintena, que son “a mellor proba da súa seguridade xurídica”.

“ABSTENCIÓN RESPONSABLE”

Mentres, os grupos da oposición afearon ao goberno de Abel Caballero a “opacidade” e falta de transparencia coa que se elaborou o PXOM aprobado este luns. A concelleira e presidenta local do PP, Luisa Sánchez, censurou a “falta de ambición” do plan, aínda que xustificou a “abstención responsable” do seu grupo, porque “é mellor un mal Plan que non ter ningún”. A concelleira afeou ao goberno local que non recoñecese que, tras a anulación da PXOM de 2008 polo Tribunal Supremo, a Xunta acudiu ao “rescate urbanístico” da cidade, con medidas lexislativas para evitar que se bloqueasen actuacións importantes, como a estación intermodal do complexo Vialia ou a ampliación do Ifevi.

Segundo matizou, o PP non apoia o PXOM porque non lle gusta, pero votar en contra converteríalles en “cómplices da incerteza” que afecta a unha cidade sen plan urbanístico. Igualmente, subliñou que os informes favorables da Xunta non supoñen que o goberno galego comparta ese modelo de cidade, porque non entra a avalialo, senón que se limita a supervisar que o documento cumpra a lei.

PXOM DO PSOE E “INÚTIL” PARA A MAIORÍA SOCIAL

Mentres, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, criticou o “rodete absolutista” do goberno local para dar luz verde a un Plan do PSOE, “non do resto da cidade”, e que é “inútil para atender as necesidades da maioría social”. “Este é só o PXOM de Abel Caballero, elaborado sen escoitar a ninguén, que impoñen co seu rodete absolutista, pero non é o Plan que necesitan os vigueses”, sentenciou. O concelleiro nacionalista lamentou que, 16 anos despois da aprobación do último PXOM, o goberno municipal perdeu a oportunidade de “rectificar o seu modelo urbanístico”, insistindo nun Plan “elaborado na escuridade dos despachos e ao ditado de poderosos intereses”, e que castiga ás parroquias con viarias “innecesarios”.

Para Pérez Igrexas, a deste documento foi “a tramitación menos participativa e máis opaca da historia de Vigo” e será o único Plan que se aproba “cos votos dun único grupo da Corporación”, e sen convocar ao Consello Social da cidade (que si foi reunido para a aprobación provisional). Por outra banda, denunciou que o PXOM presenta alteracións con respecto ao documento aprobado inicialmente, e puxo dous “exemplos clamorosos”: a “legalización pola porta de atrás” dun grupo de chalés de luxo en Cabo Estai (acusación negada polo goberno, que lembrou que ese chan xa era urbanizable no anterior Plan de PP e BNG) e a destrución de 24.000 metros cadrados da ‘carballeira da Barroca’. Finalmente, Pérez Igrexas advertiu de que o novo PXOM adoece dunha “evidente inseguridade xurídica” por, entre outros motivos, a falta de integridade documental do expediente ou por carecer dunha actualización do inventario de bens e dereitos do Concello.

UN PLAN “FEITO DESDE A DEMOCRACIA”

Tras as intervencións dos grupos, o alcalde, Abel Caballero, interveu para defender que este PXOM, que “a cidade leva esperando décadas”, foi “feito desde a democracia”. Un Plan “excepcional, magnífico” e “dialogado” cos cidadáns. O rexedor tamén insistiu en que o documento conta co apoio do 70 % da Corporación e “erradica definitivamente a especulación”, dando prioridade ao acceso á vivenda a prezo alcanzable, proxectando unha cidade “verde” e articulando novos espazos e dotacións para os cidadáns.

Caballero advertiu de que os grupos da Corporación deberán responder “durante anos” pola súa posición neste pleno, e subliñou, dirixíndose a PP e BNG: “Vostedes son tres (BNG) e vostedes cinco (PP), nós 19, e iso é unha decisión democrática (…), en 2023 gañamos en todas as mesas electorais menos en tres, o que significa un aval democrático inmenso”. Tras a intervención do alcalde procedeuse á votación: PSOE a favor, PP abstención e BNG en contra. O rexedor deu conta do resultado e finalizou a sesión plenaria proclamando “Viva Vigo!”.

ÚLTIMAS

O BNG denuncia que o ximnasio de O Berbés carece de seguro de accidentes

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo esixiu explicacións ao goberno local...

Galicia Fest prepara un cartel de luxo para este venres e sábado

O Galicia Fest ultima os preparativos para a súa celebración, este venres e este...

Vigo únese ás mobilizacións de apoio á Flotilla Global Sumud

A cidade de Vigo sumarase este sábado ás mobilizacións de apoio á Flotilla Global...

Vigo rende homenaxe aos alcaldes fusilados polo franquismo hai 89 anos

A Corporación viguesa, encabezada polo alcalde Abel Caballero, xunto a sindicatos, asociacións e outros...