InicioPolíticaCaballero impulsa accións legais pola exclusión de Vigo como sede do Mundial...

Caballero impulsa accións legais pola exclusión de Vigo como sede do Mundial 2030

O Concello contrata un equipo xurídico para estudar posibles reclamacións ante a decisión da Federación Española de Fútbol

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo iniciou os trámites para estudar unha posible reclamación xurídica fronte á decisión da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) de excluír a cidade da listaxe de sedes do Mundial de fútbol de 2030. O alcalde, Abel Caballero, confirmou este venres a contratación dun equipo legal especializado para analizar a legalidade do proceso que derivou na exclusión.

Segundo explicou o rexedor nunha comparecencia remitida aos medios, o Concello contratou os servizos dos despachos Montero Aramburu e Gómez-Villares Atencia, liderados polo catedrático Eduardo Gamero, co obxectivo de elaborar un ditame técnico-xurídico sobre o procedemento da candidatura e a súa avaliación.

“Queremos coñecer en detalle se os pasos dados pola Federación no seguimento e rexeitamento da candidatura de Vigo se axustaron ao dereito”, declarou Caballero, quen anunciou que, en función das conclusións dese informe, decidirán “cal é a vía adecuada para acudir aos tribunais”.

O alcalde insistiu en que se trata dunha “exclusión absolutamente indebida” e cualificou a situación de “escándalo institucional”, ao tempo que acusou directamente o presidente da RFEF, Rafael Louzán, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de manter unha posición conxunta contraria a Vigo. “O tres institucións están en contra de que Vigo sexa sede”, denunciou Caballero, facendo referencia tamén ao conselleiro de Deportes, Diego Calvo.

O rexedor asegurou que advertiu á Federación da posibilidade de acudir á xustiza se se confirmaba a exclusión. “Pois arrincamos o proceso de defensa de Vigo pola vía xurídica e aí vémonos, señor Louzán”, declarou.

Ademais da vía legal, Caballero afirmou que manterán “toda a presión política” para reivindicar a inclusión de Vigo no Mundial e insistiu en que a cidade cumpre cos requisitos técnicos e deportivos para albergar partidos da competición. O alcalde vigués cualificou a situación de “inexplicable” e reiterou que Vigo non vai renunciar a ser “unha cidade mundialista”.

ÚLTIMAS

Retroceder as praias ou recuar a Administración

O que está a acontecer este inverno na costa da ría de Vigo non...

Patrimonio autoriza a humanización do tramo máis próximo ao ascensor Halo da rúa Serafín Avendaño de Vigo

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,...

GKN Driveline Vigo rebaixa a 50 os afectados polo ERE, pero a CIG convoca unha folga de sete días

A auxiliar de automoción GKN Driveline Vigo reduciu de 75 a 50 o número...

Suspendido o transporte de ría en Vigo polas malas condicións meteorolóxicas

As navieras que operan as liñas de transporte na ría de Vigo, entre o...