InicioPolíticaO PSOE pediu en 2018 a supresión da peaxe entre Vigo e...

O PSOE pediu en 2018 a supresión da peaxe entre Vigo e O Porriño, que agora rexeita, e o PP afea a súa “hipocrisía”

O grupo municipal do PP no Concello olívico lembrou este mércores esa moción e censurou a "hipocrisía" dos socialistas vigueses, que agora descartan esa medida como opción viable mentres non haxa unha nova autovía.

PUBLICADO O

- Advertisement -

goberno municicipal de Vigo presentou en 2018 unha moción ao pleno, que foi aprobada por unanimidade, na que instaba ao Goberno central, entre outras cousas, a licitar no prazo máis breve posible o proxecto dunha nova autovía A-52 e propuña que, mentres a infraestrutura non fose realidade, se suprimise a peaxe da AP-9 entre Vigo e O Porriño, como unha “alternativa clara” para mellorar a mobilidade. O grupo municipal do PP no Concello olívico lembrou este mércores esa moción e censurou a “hipocrisía” dos socialistas vigueses, que agora descartan esa medida como opción viable mentres non haxa unha nova autovía.

A concelleira e presidenta local do PP, Luisa Sánchez, sinalou nunha rolda de prensa que esta moción e o que se dixo nese pleno de abril de 2018 pon de manifesto a “inconsistencia” dos argumentos que esgrime agora o goberno de Abel Caballero, que mantén que levantar a peaxe para desviar parte do tráfico pola autoestrada non é unha opción, xa que supón un percorrido de máis quilómetros e máis tempo, e con menos seguridade. Con todo, o rexedor insistiu en que avoga pola liberación de peaxes en “toda” a AP-9.

Sánchez constatou que o goberno de Vigo oponse a esa proposta de supresión de peaxe porque “segue ordes” do Goberno central e destacou que a posición actual de Abel Caballero é “alarmantemente contraditoria” con respecto á que mantiña hai 5 anos, mentres que o PP mantén a mesma opinión (votou a favor en 2018 e agora segue pedindo a liberación da peaxe mentres non se faga unha nova autovía). “Que cambiou? O que cambiou é o partido que goberna en Madrid. En abril de 2018 gobernaba o PP. Quen é agora o ‘antiVigo’?”, cuestionou a edila ‘popular’, que lembrou que, nese pleno de hai 5 anos e tal e como recolle a acta da sesión, a concelleira socialista María José Caride expresaba: “Levantemos a peaxe da AP-9, porque non é a mellor infraestrutura alternativa, pero é unha alternativa clara para tentar mellorar a mobilidade nese tramo”.

“PURA HIPOCRISÍA”

O PP tamén reproduciu na rolda de prensa unha entrevista ao alcalde nunha televisión local, na que Caballero insiste na urxencia de construír un novo tramo de autovía en túnel entre Vigo e O Porriño, e reclama a supresión da peaxe no tramo paralelo da autoestrada, proclamando que era algo “que apoian centos de miles de vigueses”. Unhas manifestacións que repetiu o rexedor en rolda de prensa e que foron recollidas pola páxina web oficial do Concello, baixo o titular “O goberno local reclamará a eliminación da peaxe Vigo-O Porriño mentres non sexa realidade a nova autovía”.

“Dixo xustamente o que nós defendemos (…) e agora négase (…), dixo que o apoiaban centos de miles de vigueses. Que pasa, que agora actúa en contra do que din centos de miles de vigueses? Isto é pura hipocrisía, teríaselle que caer a cara de vergoña e debería el dar explicacións á cidade, e pedir perdón. Por que lle nega agora a Vigo o que antes reclamaba como bo?”, sinalou Luisa Sánchez. Precisamente, este xoves a Corporación olívica celebrará un pleno extraordinario convocado polo goberno local, en defensa do novo tramo de autovía, e no que os socialistas esixirán a Luisa Sánchez e ás senadoras do PP, Nidia Arévalo e Pepa Pardo, que “pidan perdón” por oporse ao proxecto.

A concelleira do PP vigués avanzou que o seu grupo presentará unha emenda de substitución, para que o pleno acorde reclamar un trazado alternativo ao presentado polo Goberno, “con menos impacto no territorio”, e para pedir a supresión da peaxe mentres non entre en funcionamento o novo viario, con exactamente o mesmo texto proposto polo PSOE (e aprobado por unanimidade) en 2018. “Confiamos en que o PSOE o apoie, por coherencia”, sentenciou Sánchez.

RESPOSTA DO GOBERNO

Pola súa banda, o goberno municipal respondeu ás palabras do PP mediante unhas declaracións do portavoz socialista, Carlos López Font, remitidas aos medios. Nas devanditas declaracións, López Font non se pronuncia sobre esta “contradición” que denuncia o PP. Así, o goberno local limítase a lembrar que leva “anos” reclamando a gratuidade da autoestrada AP-9 en todo o seu trazado, dando “prioridade” ao tramo entre Vigo e Pontevedra. Segundo López Font, o PP “amente” porque “a súa xefa, a alcaldesa de Mos, obrígalles a dicir iso”.

ÚLTIMAS

Desarticulan en Vigo unha banda organizada colombiana que roubaba en vivendas de cidadáns chineses donos de bazares

A Policía Nacional desarticulou unha banda organizada colombiana que se dedicaba a entrar en...

Concentración de inspectores de pesca en Vigo para pedir melloras nas súas condicións laborais

Decenas de inspectores de Pesca, que están en folga indefinida desde hai tres días...

O Goberno sobre as sedes do mundial de fútbol: “Desde o principio, o CSD tiña moi claro que Vigo debe estar”

O Goberno central, a través do presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), José...

A UVigo investigará o patrimonio arqueolóxico da contorna da Cidade Deportiva do Celta

Investigadores da Universidade de Vigo (UVigo) estudarán o patrimonio arqueolóxico da contorna da cidade...