O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu este mércores o cesamento do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, por afirmar nunha carta que a cidade olívica non pasou o corte para ser seleccionada como sede do Mundial de 2030 pola “ausencia de influencia do goberno local”.
Nunhas declaracións remitidas aos medios, o rexedor sinalou que a carta de Diego Calvo fai apreciacións, “a maior parte pexorativamente negativas”, sobre a candidatura de Vigo para ser sede dese campionato e traslada: “Sentimos que as posibles carencias que puidese ter a proposta olívica xunto coa ausencia de influencia do goberno local non permitisen a Vigo pasar o corte”.
“Esta frase é intolerable, inadmisible, porque está a dicir que a Vigo non se lle adxudica a sede do Mundial por ausencia de influencia. Está a falar de que as sedes se adxudicaron polas influencias que os gobernos das cidades puidesen ter”, proclamou, antes de matizar que a selección de sedes do Mundial viñeron precedidas dunha convocatoria pública cunhas bases e as candidaturas presentadas terían que ser seleccionadas “en base aos méritos e á avaliación dos méritos de acordo cos criterios das bases”.
Respecto diso, Abel Caballero incidiu en que esa valoración debeu ser “obxectiva”, e non depender de influencias dos gobernos locais, e cualificou de “moi grave” a aseveración do conselleiro, polo que esixiu o seu “cesamento inmediato”. Dito isto, o alcalde insistiu en que o proxecto presentado por Vigo era “sólido e bo”, e volveu a pedir que se fagan públicas as puntuacións obtidas por todas as candidaturas. “Nós queremos transparencia e publicidade”, subliñou, e insistiu en que “non pode haber un conselleiro que faga esas afirmacións”.
“Está a ir en contra de Vigo dunha forma inadmisible con esa afirmación de que as adxudicacións se fixeron por ausencia de influencia. Non é un criterio a influencia. As influencias non son un criterio na valoración das sedes do Mundial. Oculta algo o señor Calvo cando di isto. Oculta algo. Ten que ser cesado”, sentenciou.