InicioPolíticaCaballero responsabiliza á Xunta de que Vigo non sexa porto nodal

Caballero responsabiliza á Xunta de que Vigo non sexa porto nodal

"Se cadra é que está contento porque, como xa o é Coruña, xa están contentos", criticou Abel Caballero.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, responsabilizou á Xunta de que a terminal viguesa non sexa porto nodal, xa que é un organismo que “depende politicamente” da administración autonómica e o presidente Alfonso Rueda estivo con Pedro Sánchez “e non falaron do porto nodal”. Nunhas declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico subliñou que é a Xunta a que nomea ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, e tamén “un número importantísimo de conselleiros”. “Os portos non dependen politicamente do Goberno de España. Dependen das comunidades autónomas”, subliñou.

Segundo apuntou Caballero, o presidente da Xunta tivo unha reunión con Pedro Sánchez “fai uns meses”. “Non falaron do porto nodal. O presidente da Xunta, do que depende o porto de Vigo, non lle expuxo ao presidente do Goberno que Vigo tiña que ser porto nodal”, constatou, e engadiu: “Se cadra é que está contento porque, como xa o é Coruña, xa están contentos”. O alcalde remarcou que é a Xunta “quen ten que facerse cargo” e apuntou que lle “encantaría” que o Porto dependese do concello porque, de ser así, “xa o tería resolto”. “Xa seriamos porto nodal porque tería ido a Bruxelas, falar con todos os que hai que falar e todas as que hai que falar para conseguilo e conseguímolo. Pero non o fixeron”, sentenciou, antes de apuntar que nin Rueda, nin Feijóo fixeron “nada” para que Vigo fose porto nodal, a pesar de que o PP, con Rajoy, gobernou 8 anos.

O BNG PIDE PARTICIPACIÓN VECIÑAL PARA REGULAR ZONAS DE BAIXAS EMISIÓNS

Noutra orde de asuntos, o grupo municipal do BNG en Vigo pediu abrir un debate sobre a regulación das zonas de baixas emisións, para avanzar “de verdade” cara a unha cidade sustentable, e censurou a falta de transparencia do goberno local sobre a implantación destas normas, e as “falsidades” do alcalde respecto diso. O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, reiterou o rexeitamento do seu grupo ao proxecto exposto polo goberno de Abel Caballero, que cualificou como “unha moi mala copia de Madrid Central”, coa implantación de catro perímetros nos que se restrinxirá o acceso aos vehículos de combustión, con multas dun mínimo de 200 euros en caso de incumprimento.

Pérez Igrexas sinalou que para lograr un Vigo máis sustentable hai que reducir o uso do vehículo privado dando “alternativas reais”, e sen discriminar a quen non pode permitirse comprar un coche híbrido ou eléctrico. Así, avogou por reforzar o transporte público, con máis frecuencias, un novo mapa de rutas e a prezos accesibles, ademais de tomar medidas para fomentar a mobilidade peonil ou o uso da bicicleta. Así, reclamou que se convoque aos consellos sectoriais de transportes e medio ambiente para que haxa unha “ampla participación veciñal” á hora de definir a ordenanza que regule as zonas de baixas emisións e criticou que Abel Caballero siga “escondendo no despacho” o proxecto de nova ordenanza, mentres fai “declaracións contraditorias”, asegurando que se vai aplicar a norma pero, ao mesmo tempo, negando que se vaian a impor sancións.

O PP ACUSA A CABALLERO DE “VICTIMISTA”

Por outra banda, o grupo municipal do PP en Vigo censurou este luns a “estratexia” do alcalde, Abel Caballero, do que asegurou que “necesita que non haxa acordos” coa Xunta para poder así manter a confrontación e o “victimismo”. Así o trasladou a concelleira Luisa Sánchez, que constatou que o alcalde “enganou á cidade”, xa que a “suposta tregua” polo ben da cidade, tras a entrevista con Alfonso Rueda, “foi toda unha farsa”, e unha actitude “de face á galería”. “Que ocorreu desde aquela imaxe cordial e con acordos para que hoxe todo sexa decepcionante? Pois que realmente nunca quixo acordar nada. Amaga cun posible entendemento, a continuación volve bloquear os investimentos da Xunta en Vigo e por último ofrece unha imaxe de victimismo para seguir crispando. Esa é a súa estratexia. Por certo, baleira de contido e prexudicial para a nosa cidade”, proclamou Luisa Sánchez.

Segundo apuntou a concelleira ‘popular’, a Xunta segue esperando pola resposta do goberno local á proposta sobre o túnel de Beiramar; o alcalde “empantanou” o túnel de Elduayen “incluíndo a ridícula cifra de 50.0000 euros no orzamento municipal e enviando só un proxecto básico que non incluía o informe de arqueoloxía”; “conxelou o desenvolvemento da ETEA cando hai un acordo entre a Xunta e Zona Franca”; e “mantén sen avances a reforma das pistas de atletismo”. Igualmente, engadiu, Abel Caballero “impide un fortísimo investimento no centro de asociacionismo, un diñeiro que xa están a pedir outras cidades galegas”; “nega aos veciños afectados pola A-52 explicacións sobre o trazado desta autovía”; e “escusa 14 anos de desprezo socialista para facer de Vigo porto nodal”. A todo isto, explicou, súmanse os seus “incumprimentos” co Plan Xeral, ou unha previsible prórroga da concesión a Vitrasa. “É el quen necesita que non haxa acordos. É do que leva vivindo anos e anos”, denunciou Sánchez, que pediu ao rexedor “que abandone a confrontación”. “Será bo politicamente para el. Pero é malo para a cidade, e a cidade está por enriba de todo”, proclamou.

ÚLTIMAS

A mellor “xogada do Celta” non foi só na remontada contra o Betis

O paso dos neofascistas seareiros do Betis deron que falar ese fin de semana...

Case un 20% menos de comida do Banco de Alimentos de Vigo en 2024 tras a perda dos fondos europeos

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu o ano pasado 1,4 millóns...

Ferido un condutor en Mos tras envorcar o seu vehículo na A-55

Un novo accidente na A-55 ao seu paso pola localidade pontevedresa de Mos saldouse cunha persoa ferida,...

Unha concentración polo peche da antiga estación de buses esixe o reacollo das persoas sen fogar

O valado das instalacións da antiga estación de autobuses de Vigo, na Avenida de...