InicioVal MiñorNigránNigrán abre a exposición para mostrar ao público o mosaico romano recuperado...

Nigrán abre a exposición para mostrar ao público o mosaico romano recuperado recentemente

Ademais de visitas guiadas á propia mostra, con explicacións do arqueólogo Benito Vilas, organizaranse visitas guiadas por Panxón os fins de semana.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O salón de Plenos do Concello de Nigrán acolle desde este venres unha exposición na que, entre outros elementos, pode visitarse o mosaico romano de Panxón, do século III d.c., recentemente recuperado tras varios anos de trámites.

A peza, nun estado excelente de conservación e que mostra un peixe e outros elementos mariños, exhíbese xunto a outros achados realizados na zona do castro de Panxón, e será visitable de luns a venres de 10,00 a 13,00 horas e de 16,00 a 19,00 horas, e tamén sábados e domingos, de 9,30 a 13,00 horas e de 17,00 a 19,00 horas. Cando finalice a exposición, o mosaico instalarase de forma definitiva na Biblioteca Municipal

“Celebramos o regreso a Nigrán desta xoia arqueolóxica como ben público do que sentirnos orgullosos, e esperamos que os veciños se acheguen a coñecela de preto”, sinalou o alcalde de Nigrán, Juan González, que recalcou que ese “fito cultural sen precedentes” debe ser “celebrado”, xa que o mosaico converteuse en “un emblema para Nigrán”.

A mesa na que está instalado o mosaico preside o salón de Plenos, que foi musealizado por Árbore Arqueoloxía, e no que tamén poden verse restos vinculados co castro de Panxón (cerámicas e un conchero), réplicas de cerámicas da época, muíños de pedra atopados en Panxón, ou imaxes doutros restos do castro. Igualmente, a exposición compleméntase con tres imaxes cedidas por Erea Castro, do período no que o mosaico estivo na casa de Ricardo Branco Cicerón, na Coruña.

Ademais de visitas guiadas á propia mostra, con explicacións do arqueólogo Benito Vilas, organizaranse visitas guiadas por Panxón os fins de semana.

O mosaico mide 84×84 cm e está encastrado nunha mesa de madeira feita no s. XIX, sendo o único fragmento que se conserva do pavimento orixinal. A súa pista perdeuse en 2000 tras unha poxa na Galería Castelá de Madrid, e reapareceu en 2018, á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs de Nova York.

Desde ese momento, o Concello puxo en marcha os trámites para recuperalo, coa axuda da Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón. Finalmente, pechouse a súa adquisición, para a que o consistorio achegou 40.000 euros, e o resto, ata 58.000 euros, conseguiuse a través dun ‘crowdfunding’.

En xaneiro de 2022 a peza partiu cara á sucursal de Carlton Hobbs en Londres, onde estivo un ano ‘parada’ debido á burocracia polo ‘Brexit‘. En novembro trasladouse a Madrid, á galería Colnaghi, onde estivo exposta ata que, hai dúas semanas, emprendeu a viaxe definitiva de regreso a Nigrán. Agora, están en marcha os trámites para declaralo Ben de Interese Cultural.

ÚLTIMAS

Almuiña retira as competencias de Urbanismo ao edil de Baiona investigado pola Fiscalía

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, retirou as competencias de Urbanismo, Patrimonio e...

Vigo aproba o retranqueo dos colectores de Balaídos para ampliar Tribuna cara ao Mundial 2030

O goberno de Vigo aprobará finalmente este venres o proxecto para o retranqueo dos...

A investigación polo accidente mortal no Saltamontes de Matamá encara a súa recta final

A investigación xudicial do accidente mortal ocorrido na atracción Saltamontes, en agosto de 2024,...

Un estudo do IEO investiga as especies causantes de floracións de algas nocivas nas Rías Baixas

Un equipo do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC),...