InicioPolíticaPP e BNG unen os seus votos para pedir ao Goberno "alternativas"...

PP e BNG unen os seus votos para pedir ao Goberno “alternativas” ao trazado da A-55 por afeccións en Vigo e Mos

Denuncian a "grave afección" que provoca a parroquias de Vigo como Bembrive, e de Mos como Sanguiñeda, Petelos, Pereiras e Tameiga, "a efectos de buscar unha solución definitiva e a longo prazo".

PUBLICADO O

- Advertisement -

PPdeG e BNG uniron os seus votos para pedir ao Goberno central “novas alternativas” ao trazado proposto da autovía das Rías Baixas (a A-55) pola “grave afección” que provoca a parroquias de Vigo como Bembrive, e de Mos como Sanguiñeda, Petelos, Pereiras e Tameiga, “a efectos de buscar unha solución definitiva e a longo prazo”. Este é o segundo dos tres puntos dunha iniciativa que foi aprobada este mércores no pleno do Parlamento, impulsada polos populares e apoiada polos nacionalistas, pero que contou co ‘non’ do PSdeG.

Este apartado, o segundo, centrou o debate na Cámara autonómica, aínda que a proposición non de lei tamén reitera (nun primeiro punto) a demanda ao Executivo da transferencia a Galicia da titularidade da AP-9. Xunto a esta solucitude, pide iniciar, “con carácter inmediato, negociacións coa concesionaria da autoestrada AP-9 a fin de, o máis axiña posible, liberar de peaxe o tramo Vigo-Porriño, para abordar de forma urxente a seguridade da A-55, por ser a solución máis rápida, inmediata e economicamente mais viable ao problema da sinistralidade nesta vía“.

Por último, o texto tamén esixe do Goberno a “inmediata apertura dun período de interloución, institucional e técnica, con todos os concellos afectados para definir a actuación de modo que sexa respectuosa co territorio, socialmente viable e supoña unha infraestrutura adecuada e segura para a mobilidade da zona”. No debate, a popular María Felisa Rodríguez avisou de que se está “ante un grave problema para Mos e para Vigo”, unha autovía “de baixa calidade e esnaquizando o territorio”. “Só pido unha cousa: que deixen de impor e o ordena e mando e defendan a Vigo, porque xa sabemos que a Mos non o van a facer”, remarcou.

O socialista Carlos López Font acusou á deputada do PP de “catastrofismo” e “falsidades” antes de argumentar que “unha obra desta envergadura sempre terá afectados”, pero o seu partido avoga, segundo dixo, por “compaxinar o interese público desta actaución con todas as garantías para os afectados e tentar que sexan os menos posibles”. Pola súa banda, a nacionalista Alexandra Fernández, que expuxo outra emenda e denunciou a problemática de seguridade viaria na zona, adiantou o seu voto a favor “na medida en que solicita que se reabra o estudo” do proxecto. “Pedimos a inmediata paralización da súa tramitación e que se inicie un novo estudo”, incidiu.

CABALLERO INSISTE NA AMPLIACIÓN DA A-52

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu en que a ampliación da A-52 ata a cidade olívica “vaise a facer” e calculou este mércores que haberá “ao redor de 15” afectados pola mesma. Así saíu ao paso o rexedor olívico nun audio difundido aos medios de comunicación despois de que o PPdeG e o BNG unisen os seus votos para pedir ao Goberno “alternativas” ao trazado da ampliación da A-52 pola “grave afección” que provocará a parroquias de Vigo e de Mos.

Respecto diso, o alcalde asegurou que desta maneira os ‘populares’ e os nacionalistas manifestan “abertamente que non queren autovía en túnel ao Porriño”, a pesar de que o Goberno pretende investir case 400 millóns nela. “O Bloque sempre di que non a todo o que sexa progreso, pero o PP sempre di que non a Vigo”, lamentou, asegurando que o goberno local e o Executivo central “defenderán” aos afectados, “que ao final serán ao redor de 15”. Ante estas palabras, o PP de Vigo criticou que Caballero pretenda “intoxicar”, reivindicando que desde hai case 30 anos os ‘populares’ queren unha alternativa á A-55 “co mellor trazado posible” que teña as menos afeccións posibles e que se escoite aos afectados.

Ademais, o concelleiro Miguel Martín urxiu que se poña fin á peaxe da AP-9 no tramo entre Puxeiros e O Porriño, que discorre case paralelo á A-55. Tamén o Concello de Mos mostrou o seu rexeitamento ao actual trazado que propón o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable para a ampliación da A-52, asistindo xunto con veciños ao debate da iniciativa no Parlamento. “A solución sinxela, rápida, eficaz e máis económica é a liberación da peaxe da AP-9 entre Puxeiros e O Porriño, que ten todas as conexións posibles para canalizar por distintos accesos a entrada á cidade de Vigo e a todos os polígonos industriais, zonas portuarias ou ao hospital Álvaro Cunqueiro”, reivindicou a concelleira de Mos e deputada autonómica Felisa Rodríguez.

ÚLTIMAS

Centenares de persoas maniféstanse en Vigo para denunciar a privatización e precarización dos servizos públicos

Centenares de persoas manifestáronse na tarde deste xoves en Vigo para esixir "máis recursos e...

O goberno de Vigo recorrerá a sentenza do patrocinio de Guns N’ Roses

O goberno municipal de Vigo confirmou que recorrerá a sentenza do xulgado do Contencioso...

Pintadas no coche da alcaldesa pedánea de Bembrive

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel...

Nova manifestación este xoves polos “recortes” en recursos públicos educativos e sociais

A Federación Olívica de Anpas (Foanpas); os sindicatos STEG, CIG e CUT; e a...