A Xerencia de Urbanismo de Vigo aprobou este martes unha iniciativa para pór en marcha un programa que dote de recursos a ONG e entidades “para que cooperen na procura de vivendas para familias vulnerables“, e que poidan acceder a un aluguer a prezo alcanzable.
Así o confirmou o alcalde, Abel Caballero, que lembrou que o goberno local xa aprobou unha liña de axudas para que os propietarios de pisos baleiros os saque4n ao mercado, garantíndolles o cobro do aluguer, os seguros de falta de pagamento e os arranxos para que esas vivendas sexan adecuadas. “Trátase de que os colectivos e as familias vulnerables teñan tamén unha oportunidade de poder alugar unha casa, de poder alugar un piso, de ter unha vivenda”, detallou o rexedor, que criticou que o PP e o BNG abstivéronse na votación desta iniciativa.
“Ao Bloque e ao PP tíñaselles que caer a cara de vergoña. Non queren que haxa un apoio para que familias vulnerables que están en dificultades poidan alugar unha vivenda”, censurou Caballero, que engadiu: “Se gobernasen o BNG e o PP esta cidade, estaría Santiago ocupando Vigo (…) Refírome a a Xunta, que o que fai sempre é ocupar Vigo, polo ao seu servizo”, afirmou. Caballero criticou que nacionalistas e ‘populares’ “dixeron que non a unha medida social”. “Estes son o Bloque e o PP, esta é a verdadeira cara do Bloque e do PP”, denunciou.
“CORTINA DE FUME” E “NOVA ESTAFA”
Mentres, o grupo municipal do PP explicou que se abstivo na votación desta iniciativa porque se trata dunha “proposta pobre e deficiente presupuestariamente”, xa que “só abarca unha decena de vivendas ao ano”. “Unha cifra ridícula tendo en conta as capacidades do Concello de Vigo e as necesidades existentes”, incidiron fontes ‘populares’, que matizaron que a súa abstención non significa que estean en contra do programa.
Segundo sinalaron, esta é “unha nova cortina de fume” coa que o goberno de Abel Caballero “pretende tapar a súa ínfima política de vivenda”, e lembraron, por exemplo, que as axudas á rehabilitación de pisos baleiros para polos no mercado de aluguer, beneficiarán a menos de cen inmobles. “Caballero debería aprender doutros concellos que crean oficinas municipais de vivenda para promover pisos a prezos alcanzables, do mesmo xeito que está a facer a Xunta no barrio de Navia”, proclamaron desde o grupo municipal.
Pola súa banda, o portavoz do BNG no Concello olívico, Xabier Pérez Igrexas (que tamén se abster), cualificou de “nova estafa política” do goberno vigués esta medida, e matizou que o que se aprobou este martes é “iniciar o procedemento para a licitacion pública deste servizo”, cunha dotación de 230.000 euros para os próximos dous anos.
“É unha nova tomadura de pelo. O goberno local leva máis de 17 anos sen facer absolutamente nada en política de vivenda”, subliñou o edil nacionalista, e incidiu en que o programa aprobado este martes só prevé facilitar o acceso a 10 vivendas por ano, nunha cidade cunha lista de demandantes de vivenda pública de máis 6.000 persoas.