InicioSociedadeLuz verde á subida do prezo do bus urbano en Vigo: Caballero...

Luz verde á subida do prezo do bus urbano en Vigo: Caballero defende os descontos municipais

O billete ordinario pasará de 1,57 a 1,63 euros, mentres que as tarifas subvencionadas tamén experimentan un leve incremento. O alcalde asegura que Vigo é o concello con máis bonificacións de España.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno de Vigo deu luz verde á proposta de actualización de tarifas do bus urbano na cidade, servizo que presta a concesionaria Vitrasa, e confirmou que o billete ordinario de bus pasará de 1,57 a 1,63 euros, unha subida de 6 céntimos, aínda que a empresa propuña unha subida de 9 céntimos.

Así o explicou o alcalde, Abel Caballero, en declaracións remitidas aos medios, e sinalou que “a inmensa maioría da xente” viaxa con cartón PassVigo, que está subvencionada polo Concello, polo que pagará menos.

Deste xeito, o billete ordinario subvencionado pasará de custar 0,53 a 0,56 euros; os estudantes con cartón PassVigo pasarán de pagar 0,51 a 0,54; e o billete bonificado para universitarios pasará de custar 0,39 a 0,42 euros. Os pensionistas tipo I e II seguirán viaxando gratis no bus, do mesmo xeito que as persoas con mobilidade reducida e os seus acompañantes.

As tarifas faranse efectivas para os usuarios en canto sexan aprobadas pola Comisión de Prezos da Dirección Xeral de Comercio da Xunta. O rexedor precisou que este incremento de prezos é obrigado polas condicións do contrato coa concesionaria, e puxo en valor o “nivel de descontos importantísimo” no bus urbano vigués. “Seguramente somos o concello con máis descontos no billete de autobús de España”, proclamou Caballero.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Esta actualización de prezos foi recibida con críticas por parte dos grupos da oposición. Así, o PP afeou ao goberno local esta subida, que se suma ao incremento do 4 % das taxas e impostos municipais, e constataron que, en lugar de axudar, o alcalde “ataca aínda máis á economía familiar dos vigueses”.

Ademais, o portavoz ‘popular’, Miguel Martín, lembrou que as axudas do Ministerio de Transportes só foron prorrogadas ata o 30 de xuño, polo que é posible que o billete de bus volva encarecerse no verán sen que o goberno vigués “teña previsto ningunha medida amortiguadora”. O PP instou a Caballero a estender polo menos ese 20 % de subvención extra ata o final do ano, se finalmente o Goberno retira a axuda.

Pola súa banda, o grupo municipal do BNG cualificou a subida do prezo do bus de “antisocial”, e censurou que se acordou “pola porta de atrás”, sen ser debatida previamente no Consello Sectorial de Transportes do Concello.

ÚLTIMAS

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...