InicioSociedadeA Xunta asina un novo contratro con Povisa por 195 millons para...

A Xunta asina un novo contratro con Povisa por 195 millons para atender a un suposto de 116.000 usuarios

O obxectivo é prestar asistencia sanitaria especializada a unha poboación estimada de ao redor de 116.000 persoas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Galicia autorizou este venres o contrato co Hospital Povisa para a asistencia sanitaria especializada na área de Vigo por un importe de 194.732.064 euros e un período de vixencia inicial de dous anos.

Así o anunciou o presidente da Administración autonómica, Alfonso Rueda, na comparecencia de prensa posterior á celebración do Consello da Xunta. Segundo explicou, o obxectivo é prestar asistencia sanitaria especializada a unha poboación estimada de ao redor de 116.000 persoas que “libremente así o elixa”, asignada aos centros de saúde dos municipios de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que se determinen do municipio de Vigo.

O contrato autorizado Xunta terá unha vixencia inicial de dous anos, desde o 1 de abril de 2025 ata o 31 de marzo de 2027, polo que se autoriza tamén unha prórroga ata principios de abril. O acordo poderá ser prorrogado por tres anos máis, co que podería alcanzar un valor estimado de 525,7 millóns de euros.

Ao comezo do contrato, será a poboación de referencia que se atope protexida no marco do concerto vixente co Hospital Povisa a que reciba asistencia sanitaria especializada. Unha vez transcorrido un ano desde a entrada en vigor do novo contrato, en cada exercicio establecerase un prazo de 30 días naturais para que os usuarios que así o desexen exerzan o seu dereito de elección, que levará implícita a permanencia anual.

PAGO POR SERVIZO 

Explicou tamén que o número de procesos asistenciais recollidos no contrato de servizos é estimativo — o cálculo fíxose tendo en conta a actividade realizada no ano 2023, último ano completo pechado –, polo que o prezo final que se abonará ao adxudicatario virá determinado polo número de procesos previstos na carteira de servizos que realmente se presten á poboación adscrita ao centro sanitario.

Sobre isto, destacou que con este contrato a Administración autonómica cambia a tipificación do contrato para a prestación da asistencia sanitaria especializada na área de Vigo, pasando do actual concerto a un contrato de servizos, polo que o adxudicatario ten o deber de prestar asistencia sanitaria para os procesos incluídos na carteira de servizos que se recollen nos pregos.

Con este novo modelo o Goberno galego pagará só polos procesos que realmente se realicen á poboación de referencia e reforzará o control sobre a actividade prestada pola adxudicataria. Para garantir o correcto funcionamento do servizo e velar pola calidade asistencial que se presta á poboación de referencia, crearase unha unidade de supervisión e control para o seguimento do contrato.

PROCESOS INCLUÍDOS

A atención especializada recollida no novo contrato inclúe, entre outros, asistencia especializada en consultas; asistencia no hospital de día e procesos de cirurxía maior ambulatoria; hospitalización en réxime de internamento; hospitalización domiciliaria; procedementos diagnósticos e terapéuticos, e urxencias hospitalarias.

Así mesmo, para asegurar a calidade e adecuación dos recursos materiais, medios e instalación empregados na prestación dos servizos, a entidade estará obrigada á realización de investimentos en obras para a mellora da instalación e adquisición dos equipamentos que resulten necesarios para o correcto desenvolvemento da actividade, destinando a este fin un mínimo dun 3% do importe anual do contrato.

Así mesmo, o adxudicatario asume o deber de aplicar os incrementos retributivos pactados no convenio colectivo. Concretamente en 2025 debe aplicar unha subida dun 3 % para os profesionais da entidade.

ÚLTIMAS

Unha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con falsas ofertas de emprego

Unha investigación da Policía Nacional iniciada en Vigo permitiu desmantelar unha rede dedicada a...

O Concello reforza servizos para facilitar a regularización

O Concello de Vigo reforzou o servizo de atención ao público para "atender ao...

O Concello activará un dispositivo permanente para situacións de violencia de xénero

O Concello de Vigo activará o 1 de maio un novo dispositivo de acollemento...

Dous furtivos reinciden dúas noites seguidas mariscando ilegalmente en Teis

Axentes da Policía Local de Vigo identificaron a dous mariscadores furtivos que estaban a...