O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción presentada polo BNG na que se insta tanto ao Concello como á Xunta a ampliar os recursos na loita contra a violencia machista.
O texto, que contou co apoio do BNG e o PP e coa abstención do PSOE, foi defendido pola concelleira nacionalista Ana Martínez, quen alertou contra o “incremento continuo da violencia contra as mulleres” e da “banalización e negacionismo da dereita e a extrema dereita”.
Martínez lembrou que a violencia machistas “é o problema máis importante que afecta á vida das mulleres”, con cifras de vítimas “inaceptables” e que “se normalizan, en lugar de escandalizar”. Respecto diso, tamén subliñou hai en vigor máis de 1.400 ordes de afastamento activas.
Respecto diso, lamentou a resposta do goberno de Vigo, que defende a súa xestión nesta área e compárase con outros municipios que destinan menos recursos. “É moi triste que se limiten a compararse con outros concellos máis pequenos. Ás mulleres o que nos importa é o que fai o goberno municipal aquí e agora”, sinalou.
A moción aprobada recolle unha serie de medidas para que Concello e Xunta poñan en marcha, facendo unha prioridade da lema “menos discursos e máis recursos”. “Son imprescindibles máis medios económicos, materiais e humanos”, recalcou Ana Martínez.
Entre as medidas que propón o BNG está un plan de reforzo na área sanitaria para prestar atención de saúde mental ás mulleres; o reforzo do Centro de Información á Muller do Concello, ou a apertura de dous novos centros; a marcha atrás na privatización por parte da Xunta dos centros de atención 24 horas; o aumento de orzamento municipal para campañas de sensibilización; a actualización do plan municipal da Igualdade; ou a posta en marcha dun novo programa municipal de apoio ás mulleres vítimas.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
Ademais, este luns deuse lectura no pleno, por parte de Luisa Ocampo (de Mulheres Nacionalistas Galegas, representación do Consello Municipal da Muller), da declaración institucional do Concello con motivo do 25N.
Na devandita declaración, o Consello Municipal da Muller alude ás “cifras da vergoña”, como o catro mulleres asasinadas en Galicia neste 2024, “vítimas do terrorismo machista”; ou os máis de 43.000 casos seguidos polo sistema VIOGEN ata agora: ou as case 7.500 denuncias presentadas en xulgados durante o pasado 2023; ou as referidas a ordes de protección; o número de vítimas de trata; ou aquelas vítimas de violencia sexual por parte de ‘mandas’, entre outras, e ás que hai que sumar os casos que non chegan aos rexistros oficiais.
“Toadas e todos coñecemos esa realidade. Esas cifras falan dunha sociedade machista, que practica a violencia contra as mulleres”, alertou Luisa Ocampo, que lembrou tamén a responsabilidade das institucións.
A elas correspóndelles facer políticas “que revertan estas cifras”; crear servizos e estruturas de prevención e asistencia; “limpar o machismo institucional”; garantir que os seus representantes “practiquen co exemplo”; aplicar “políticas abolicionistas da pornografía e a prostitución”; impulsar nos centros educativos os valores da coeducación e a igualdade; e “illar o machismo na súa programación cultural e deportiva, e nas súas relacións e comunicacións coa cidadanía”.
Tras alertar contra as reaccións que “pretenden dar pasos atrás nos dereitos conseguidos”, instaron aos concellos e á Xunta a “renovar o compromiso coas mulleres e novas” para conseguir “un país libre de violencias machistas”.