InicioEconomíaHaberá novos paros parciais de Vitrasa en pleno Nadal ante a falta...

Haberá novos paros parciais de Vitrasa en pleno Nadal ante a falta de acordo

"A día de hoxe ademais de estar a perder máis do 14 % de poder adquisitivo e de deixar claro á empresa que renunciabamos a recuperar os salarios perdidos, o que supón un aforro de máis de 3,5 millóns de euros para Vitrasa polos anos 2021 a 2023, néganse a pechar un acordo por unha cantidade tan ínfima como 135.000 euros despois de recibir millóns (estes 135.000 sería o que lle suporía á empresa o 0,9 % que solicitou o comité, segundo os seus cálculos)", sentenciaron dende o comité de empresa.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, criticou unha vez máis a actitude da compañía, porque desaproveitou unha oportunidade para chegar a un acordo sobre o convenio colectivo e “condena á cidade a sufrir novamente as mobilizacións do persoal”. Nun comunicado, tras dúas xornadas de mediación, os representantes dos traballadores lamentaron que a dirección de Vitrasa “non foi capaz de realizar unha oferta que permitise desbloquear a negociación”. Por iso, a partir deste mércores reactivaranse as mobilizacións en forma de paros parciais.

“Durante o primeiro día de reunión, a concesionaria non presentou nada novo a pesar de solicitar eles a mediación, aludindo novamente ás perdidas de viaxeiros e a que o reequilibrio recibido por parte do Concello de Vigo de máis de 18 millóns de euros non lle permite cubrir as perdas derivadas da pandemia”, explica o comité. No segundo encontro, levado a cabo na tarde deste pasado martes, a postura empresarial “cambiou un pouco”, expondo un aumento da proposta rexeitada fai máis dun mes por parte do comité, do 0,5 % no ano 2025 a cambio de eliminar a prima de absentismo (sobre 350 euros por traballador).

“Á parte deste mínimo incremento por parte da concesionaria, as tan necesarias melloras sociais que reivindican os traballadores non foron atendidas; pretendendo que o persoal estea dispoñible as 24 horas e expondo un mínimo descanso na xornada de tan só 5 minutos cada 3 horas de condución, factores que empeoran notablemente as actuais condicións do persoal de condución e que influirían negativamente na seguridade dos viaxeiros”, insisten. O comité indicou que nun último intento de desbloquear o conflito solicitou un incremento do 0,9 % sobre a oferta realizada pola empresa para o 2024, que foi negado pola dirección e que puxo punto e final á mediación. Por iso, os empregados mostráronse “moi defraudados” con Vitrasa.

“A día de hoxe ademais de estar a perder máis do 14 % de poder adquisitivo e de deixar claro á empresa que renunciabamos a recuperar os salarios perdidos, o que supón un aforro de máis de 3,5 millóns de euros para Vitrasa polos anos 2021 a 2023, néganse a pechar un acordo por unha cantidade tan ínfima como 135.000 euros despois de recibir millóns (estes 135.000 sería o que lle suporía á empresa o 0,9 % que solicitou o comité, segundo os seus cálculos)”, sentenciaron. Por todo iso, fixeron un chamamento ao Concello de Vigo para que non renoven a concesión e criticaron os “abusivos” servizos mínimos impostos polo goberno local.

RESPOSTA DE VITRASA

Pola súa banda, Vitrasa saíu ao paso reivindicado os “esforzos” da compañía por chegar a un acordo, nun encontro que durou máis de sete horas. Segundo as súas cifras, a súa proposta de mellora salarial acumula un incremento superior ao 18 % ata 2027, así como outros beneficios como a posibilidade de acollerse a xubilación parcial desde o 1 de xaneiro a certos traballadores e melloras nos pluses de Nadal. “A pesar das amplísimas melloras que supoñen todas estas medidas, a representación legal dos traballadores impedirá que o persoal poida valorar a oferta, privándoo do dereito a tomar unha decisión sobre esta proposta”, indicou a compañía, subliñado que a decisión de continuar cos paros prexudica á cidadanía e aos empregados. Ademais, reivindicou que desde que Vitrasa opera en Vigo, os traballadores gañaron poder adquisitivo, porque os soldos subiron “máis do dobre” que o IPC desde 1995.

ÚLTIMAS

Arde un prototipo creado por estudantes na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo

Un incendio nun garaxe anexo da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, no campus...

Disputa familiar nas redes sociais mobiliza ás forzas de seguridade

A Garda Civil investiga a unha decena de persoas das zonas de Vigo e...

Falece Seve, figura esencial da cultura popular e musical do Porriño e comarca

A comarca do Condado e da Louriña amenceu hoxe envolta nunha fonda tristura tras...

Un home de 67 anos, ferido grave tras ser atropelado por un bus urbano

Un home, M.Z.A. de 67 anos de idade, resultou ferido grave na tarde deste...