InicioVigo e contornaVigoProtesta de miles de persoas en Vigo para esixir á Xunta que...

Protesta de miles de persoas en Vigo para esixir á Xunta que contrate máis profesores

Nela, preto de dous mil profesores, pais e alumnos lamentaron a situación "insustentable" vivida nos centros educativos neste inicio de curso

PUBLICADO O

- Advertisement -

Miles de persoas manifestáronse na tarde deste mércores en Vigo para esixir á Xunta de Galicia que “repense o modelo” educativo e contrate máis profesores de apoio, necesarios para nenos con necesidades especiais.

A protesta, organizada pola Asociación de Directoras e Directores de Colexios Públicos de Vigo (Adicopuvi) e a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo e comarca (Foanpas), partiu minutos despois das 19.00 horas do cruzamento de Vía Norte con Urzaiz.

Nela, preto de dous mil profesores, pais e alumnos lamentaron a situación “insustentable” vivida nos centros educativos neste inicio de curso.

Encabezada por unha pancarta que rezaba ‘Infancia=Diversidade. Por unha escola inclusiva’, a manifestación contou tamén con multitude de carteis coas reivindicacións concretas de múltiples colexios públicos da cidade. Durante a mesma, ouvíronse berros pedindo a dimisión do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.

A presidenta de Foanpas, Iria Salvande, mostrou o seu orgullo pola cantidade de xente congregada para pedir á Consellería que non saque “parches”, como é, ao seu xuízo, o Plan PROA +, “que o que fixo foi detraer recursos estables cubríndoos con fondos que veñen de Europa”.

“Non nos parece de recibo. Algo que debería ser bo, que era un apoio, está a substituír o pouco que tiñamos. A Consellería ten que repensar un pouco o modelo e a asignación de prazas, cun catálogo que está obsoleto“, subliñou.

Ela desmentiu as palabras do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e de Rodríguez, que a semana pasada dixeron que este ano hai máis profesores e menos alumnos nos colexios de Galicia.

“A realidade é que non hai máis profesores que o ano pasado. Se collemos unha radiografía do que hai, amortizaron moitas prazas de xente que se xubilou. Eu vin os datos de Galicia e saqueinos da Consellería e hai 98 profesores menos que o ano pasado e vémolo nos centros, que hai menos profesores de apoio”, insistiu.

A manifestación tamén contou co apoio do BNG. O seu portavoz local, Xabier Pérez Igrexas, lamentou a “política de recortes” do PP, que desembocou nun inicio de curso con “peores condicións” que o ano pasado.

“Estamos alarmados ante un Goberno galego que lle dá as costas ao alumnado con necesidades específicas de apoio”, engadiu, criticando a supresión de persoal de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe.

ÚLTIMAS

Hospitalizado un mozo de 17 anos tras ser agredido con arma branca no Entroido de Hío

Un mozo de 17 anos, veciño de Vigo, tivo que ser hospitalizado na noite...

A Cátedra Ardán sitúa a Interfish España como un alicerce estratéxico para a economía

A Cátedra Ardán, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade...

Detido un home en Vigo por agredir e romperlle o beizo a unha muller en plena rúa

Un home, H.J.R. de 40 anos de idade, foi detido o pasado sábado en...

Temor no sector naval pola escaseza de persoal cualificado

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, valorou este martes o "bo momento" da...