InicioSociedadeO Goberno traslada a intención de adoptar "medidas" para garantir o acceso...

O Goberno traslada a intención de adoptar “medidas” para garantir o acceso público á illa de Toralla

Nunha resposta á senadora do BNG Carme da Silva

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Goberno trasladou, nunha resposta á senadora do BNG Carme da Silva, a súa intención de adoptar as “medidas que sexan necesarias” para garantir o acceso público á illa de Toralla, situada fronte á praia de O Vao, en Vigo, e conectada con terra mediante unha ponte.

Na súa resposta, a Dirección Xeral da Costa e o Mar expón que é “consciente das limitacións” de acceso á illa, e sinala que traballa “nunha solución para revertelas”.

Tras aclarar que “non consta a existencia” dun proxecto para recuperar o dominio público marítimo terrestre e a apertura do tránsito nesa illa (anunciado pola entón ministra Elena Espinosa), a Dirección Xeral sinala que “a habilitación da servidume de tránsito na illa de Toralla é un dos obxectivos presentes”.

Respecto diso, lembra que lei obriga a establecer unha franxa de 6 metros de servidume, e que esa zona deberá quedar permanentemente despexada para o paso público peonil e para vehículos de vixilancia e salvamento (excepto en espazos especialmente protexidos).

“O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vai adoptar as medidas necesarias para que a illa de Toralla sexa de accesibilidade pública de acordo co contemplado na normativa de Costas”, conclúe o Goberno na súa resposta.

A senadora nacionalista, Carme da Silva, celebrou este “acordo” e agradeceu aos veciños e colectivos ecoloxistas que “nunca se renderon” na súa loita por recuperar ese espazo.

Ante esta resposta, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Iglesias, reivindicou o acceso público á illa como unha “débeda histórica” coa cidade. “Non podemos aceptar que continúe sendo o coto VIP duns poucos, incumprindo a lei”, advertiu o edil.

Así mesmo, advertiu de que o BNG “vai seguir exercendo presión” para que o Goberno cumpra co compromiso de recuperar Toralla, tras anos de ser unha “illa privatizada”, nos que a administración central contou coa “complicidade do goberno municipal e da Xunta”.

ÚLTIMAS

Carmen García Mateo abre a campaña ao Reitorado da UVigo reivindicando “seriedade” fronte á improvisación

A candidata a reitora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, abriu este...

Unha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con falsas ofertas de emprego

Unha investigación da Policía Nacional iniciada en Vigo permitiu desmantelar unha rede dedicada a...

O Concello reforza servizos para facilitar a regularización

O Concello de Vigo reforzou o servizo de atención ao público para "atender ao...

O Concello activará un dispositivo permanente para situacións de violencia de xénero

O Concello de Vigo activará o 1 de maio un novo dispositivo de acollemento...