A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, solicitou este luns de urxencia aos Servizos Xurídicos da inmobiliaria Divarian o aprazamento do desafiuzamento en Vigo dunha muller con tres fillos menores prevista para este mércores, 7 de novembro.
A mediación efectuada tamén por vía de urxencia, dada a inmediatez do lanzamento, obtivo unha resposta en tempo récord da entidade inmobiliaria responsable destes activos.
Así, en menos dunha hora a valedora do pobo obtivo o compromiso de Divarian de suspender excepcionalmente o lanzamento e de colaborar coas administracións na busca de solución habitacional alternativa.
A Plataforma Stop Desafiuzamentos Vigo-Tui-Baixo Miño puxo en coñecemento da institución a situación grave da muller con tres fillos menores ao cargo ante o risco inminente de perda da vivenda habitual.
A orde xudicial de lanzamento co correspondente desaloxo da vivenda estaba prevista para este mércores, 7 de novembro. A valedora iniciou os contactos de inmediato tanto con Divarian, empresa que xestiona eses activos inmobiliarios para instar a paralización do lanzamento; como co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para interesarse polas súas xestións no marco das competencias que ten atribuídas. A institución do Valedor do Pobo ten subscrito un acordo de colaboración co Instituto para a tramitación urxente de problemas derivados de desafiuzamentos.
A familia debería abandonar mañá a vivenda na que residen na cidade de Vigo desde aproximadamente dous anos e medio. Tal e como coñeceu a valedora do pobo esta muller, perceptora dun subsidio de desemprego de menos de 500 euros, arrendou o inmoble de xeito verbal coa propiedade do mesmo.
A suspensión do lanzamento responde á necesidade de buscar vivenda alternativa para a familia, aspecto este ante o que a institución do Valedor do Pobo permanecerá vixilante.