InicioSociedadeO exGrapo que disparou a un mozo en Castrelos o pasado ano...

O exGrapo que disparou a un mozo en Castrelos o pasado ano enfróntase a 10 anos de cárcere por intento de asasinato

A Fiscalía acúsao tamén de tenencia ilícita de armas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolle este xoves o xuízo contra o exGrapo Manuel B.G., acusado dun delito de intento de asasinato, por disparar cunha pistola a un mozo co que mantiña un enfrontamento debido a incidentes cos cans de ambos, nas inmediacións do Parque de Castrelos, na cidade olívica.

Segundo o escrito de acusación pública, os feitos ocorreron na tarde do 14 de setembro de 2023, cando o acusado se atopaba paseando cos seus cans na contorna do parque. Nun momento dado, cruzouse coa vítima, con quen xa tivera discusións antes e mesmo un encontrón que acabou con ambos os lesionados (ambos foron multados polo xulgado por eses feitos). Ao ver ao mozo, o acusado dirixiuse a el afirmando “levaba tempo esperando isto” e sacou unha pistola “sorpresivamente” apuntando á vítima, que retrocedeu e tratou de protexerse detrás dunha árbore, mentres gravaba a escena co seu móbil.

O acusado realizou un disparo contra el, “con ánimo de causarlle a morte”, e a vítima gritou pedindo que alguén chamase á Policía. Unha persoa que pasaba por alí avisou de que chamara á Policía e, ao ouvilo, o acusado fuxiu pola Senda do Lagares cara a Sárdoma, e desfíxose da arma tirándoa nunhas matogueiras a uns 50 metros do lugar dos feitos. Manuel B.G. foi localizado pouco despois pola Policía cando camiñaba pola rúa Enrique Alonso Salueiro. Tras ser detido, foi trasladado a un centro médico e logo a Comisaría e, durante eses traslados, segundo figura no escrito de acusación da Fiscalía, ía dicindo “vouno a matar, se non o fago eu, mando a alguén”.

ARMA CARGADA E SEN LICENZA

Posteriormente, o acusado conduciu de forma voluntaria á Policía ata o lugar no que tirara a pistola, que foi recuperada polos axentes. Tratábase dunha pistola semiautomática, recamarada para disparar cartuchos de 9 milímetros, “apta para lume real” e “en excelente estado de conservación”. No momento de ser recuperada, a arma estaba cargada e sen o seguro. A Policía realizou un rexistro no domicilio do acusado, no que atopou un cargador auxiliar de pistola municionado con 6 cartuchos, ademais de varias caixas con outros 44 cartuchos de 9 milímetros, compatibles coa pistola intervida.

DELITOS E PETICIÓN DE PENAS

Por estes feitos, a Fiscalía pide que Manuel B.G. sexa condenado a un total de 10 anos de prisión polos delitos de asasinato en grao de tentativa e pola tenencia ilícita de armas. Igualmente, reclama que o acusado non poida achegarse a menos de 300 metros do domicilio, o traballo ou os lugares que frecuente a vítima, nin comunicarse con el, por un período de 10 anos. Con respecto á responsabilidade civil, pide que indemnice ao mozo ao que disparou en 804 euros.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...