O campus universitario de Vigo foi recoñecido este xoves co Premio Permanencia dos Premios Arquitectura 2024, que se deron a coñecer nunha gala en Madrid, e que organiza o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE).
En total, entregáronse 9 premios: tres distincións especiais e seis premios a valores. Ademais, o arquitecto Josep Llinàs recibiu a máxima distinción que entrega a profesión en España, a prestixiosa Medalla de Ouro da Arquitectura, e a Fundación Alejandro de la Sota, o Premio Arquitecto Lluís Comerón Graupera.
Os gañadores dos Premios Arquitectura 2024 foron elixidos entre 185 propostas seleccionadas polos Colexios oficiais de arquitectos e Consellos Autonómicos, dentro dos seus respectivos ámbitos territoriais, na primeira fase. En total, nesta edición, presentáronse 497 obras.
O campus universitario de Vigo, proxectado hai 20 anos por Benedetta Tagliabue e Enric Miralles (EMBT Architects), foi recoñecido co Premio Permanencia, un galardón especial destinado a recoñecer aquelas obras que máis destaquen tanto polo seu correcto envellecemento como pola súa vixencia e actualidade, como valores intrínsecos da arquitectura e o urbanismo.
O xurado valorou, entre outras cuestións, que o campus “achega unha nova paisaxe universitaria ao lugar, enlazando sutilmente cos antigos edificios existentes no ano 2003”.
Tamén destacou que esta obra se consolida co paso do tempo pola súa integración na paisaxe na ondulada topografía e pola rotundidade na expresión da súa arquitectura, e que soubo transformar e permanecer no tempo como unha paisaxe construída que transformou o lugar. “Unha intervención complexa, valente e innovadora, onde os aluminios seguen gozando dese carácter comunitario da vida universitaria”, subliñaron.
Así mesmo, o xurado apuntou que as novas construcións que se levantaron no ano 2003 axudaron á definición da natureza comunitaria da vida na universidade, mellorando a calidade de vida dos universitarios ata os nosos días.