A Fundación Secretariado Xitano (FSG) presentou ante a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, o informe anual de Discriminación e Comunidade Xitana no que fai especial incidencia na “discriminación interseccional” e a “dobre discriminación” que sofren as mulleres xitanas.
A encargada de presentar as cifras e as conclusións foi a técnica de igualdade da FSG en Vigo, Zaida Jiménez, que iniciou a súa intervención lamentando que “en 2024 sigan ocorrendo casos”. “Sabemos que é unha carreira de fondo, pero temos esa espiña cravada ante ese rexeitamento social que sufrimos diariamente”.
A continuación, pasou a especificar as discriminacións por tipoloxías. Neste sentido, o documento recolle 68 casos de malas prácticas en medios de comunicación; 217 nas redes sociais; 46 no ámbito do emprego; 70 no acceso a bens e servizos; 18 nos servizos policiais; 44 en educación; 29 en vivenda; e 18 en saúde.
De todas elas, unhas 30 rexistráronse na Fundación Secretariado Xitano de Galicia. Con todo, a representante da FSG sinalou que a galega non é a comunidade onde máis casos existen, pero pediu “non tapar o sol cun dedo”, xa que “seguen existindo moitos prexuízos e estereotipos da comunidade xitana”.
Ademais, o informe revela que a discriminación afecta en maior medida ás mulleres, sendo 121 das 222 vítimas identificadas. Por iso, Zaida Jiménez quixo facer fincapé nesa “discriminación interseccional”. Tal e como apuntou, as mulleres xitanas teñen “unha pedra máis na mochila”. “Hai situacións que aos homes xitanos non lles ocorren e ás mulleres non xitanas tampouco”, relatou.
CONCIENCIACIÓN
Outro dos puntos nos que incidiu Zaida Jiménez foi na necesidade de ser “máis conscientes desa discriminación” para que poida detectarse e denunciarse. A isto tamén se referiu Eva Beira, responsable autonómica da Fundación, que destacou que algunhas destas discriminacións tíñanas “moi interiorizadas”, pero despois destes anos de traballo comézase a observar que “empezan a ter máis concienciación“.
Pola súa banda, a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, tamén puxo o foco na interseccionalidade da discriminación e agradeceu ao Secretariado Xitano o seu labor para “pór o foco nas marxes”, porque, engadiu, “integrando as marxes dentro das políticas públicas imos avanzar todos”.