O grupo de traballo do proxecto «A Guarda, Mar de Sal», encabezado por Brais Currás,
(investigador da Universidade de Coimbra e do CSIC) e Mar Cortegoso, directora das escavacións, segue avanzando nas investigacións sobre as Salinas do Seixal e Camposancos.
A última novidade é a constatación de que estas salinas forman parte do maior complexo de explotación do sal mariño ata agora documentado de todo o Imperio Romano, e que estaría formado por máis zonas salineiras da fachada atlántica do noroeste peninsular, emprazadas en Vigo, Cangas, Oia, Viana do Castelo e Matosinhos.
Estes avances, a piques de pechar xa a primeira parte deste proxecto, poñen de manifesto a importancia e relevancia desta zona para a produción de sal en época romana. Os
investigadores que coordinan o proxecto consideran que este sal estaría destinado á
produción de salgadura de peixe, unha industria que xa no tempo de Roma parece ter unha gran importancia nas costas do noroeste da Península Ibérica.
As evidencias identificadas de produción do sal dentro do proxecto «Mar de Sal» teñen
unha enorme transcendencia dado que a penas existen probas arqueolóxicas claras de
salinas mariñas en todo o Imperio Romano.
As estruturas documentadas na Guarda forman parte dun complexo maior que se estende polas costas da antiga Gallaecia e que supón unha mostra excepcional da produción de sal no mundo antigo, cun enorme valor científico e potencial patrimonial.
Durante o transcurso destas escavacións, e tal e como avanzou Mar Cortegoso, apareceron estruturas iguais ás documentadas nas Salinas de Vigo, moi características da época Romana, e que non deixan dúbidas sobre a súa cronoloxía.
Os materiais documentados na salina son semellantes aos que aparecen no castro do monte Trega da Guarda, o que confirma a relación entre estes dous espazos e a súa ocupación parcialmente sincrónica no tempo.
Aínda quedan moitas dúbidas por despexar. Gracias ás investigacións levadas a cabo sábese que as salinas son romanas, pero hai que afinar a súa cronoloxía con datacións mediante carbono 14 e coa datación dos pavimentos por termoluminiscencia; probas técnicas que confirmarán, máis polo miúdo, o que xa se pon de manifesto tralas escavacións: a importancia destas Salinas para o Imperio Romano e que estas forman parte dun complexo moito maior.
Ademais, este proxecto tamén permitiu coñecer as variacións existentes no nivel do mar entre a época romana e a actual. As salinas está parcialmente desmontadas polo mar, o que mostra que no tempo dos romanos o nivel da liña de costa era máis baixo. Durante o período final das escavacións contouse coa participación de alumnos das Universidades de Coímbra, Vigo e Santiago de Compostela.
«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona
do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se
levará a cabo en dúas anualidades.
O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía. O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68 euros.