InicioSociedadeOs Ninguéns, contra a pobreza: "É unha vergoña que en Vigo teñamos...

Os Ninguéns, contra a pobreza: “É unha vergoña que en Vigo teñamos menos de 20 traballadores sociais”

PUBLICADO O

“A pobreza hai que combatela todos os días. Con todo, é importante que os días sinalados tentemos facer fincapé. Por iso este 17 de outubro reflexionamos sobre o devastador papel da pobreza na nosa cidade, pero tamén no país e no mundo, concretamente nos países en vías de desenvolvemento”, así comeza o manifesto que elaborou o colectivo Os Ninguéns co gallo do Día Internacional pola Erradicación da Pobreza.

Non esqueceron tampouco “os dramáticos conflitos bélicos que provocaron que tantas persoas sen saída tiveran que deixar atrás a súa vida enteira e os seus fogares, para buscar un refuxio que nunca chegou; non esquecemos a crueldade dos CÍES, centros de internamento de estranxeiros, que engaiolan compañeiros que só tentan lograr a súa supervivencia, aos que se lles negan os dereitos máis básicos”.

“Igualmente na nosa terra, Galicia, a pesar dos recursos institucionais, non escapamos das garras da pobreza. O certo é que si nos metemos en datos xa hai estudos e un claro consenso de mínimos, expresado na Carta Social Europea e a Rede Galega e Europea contra a Pobreza, que se basa no índice AROPE”, recordan.

Este indicador establece un mínimo de 684 euros mensuais por persoa, e 1.680 euros ao mes por fogar formado por dous adultos e dous menores: por debaixo desta cifra estarían no umbral da pobreza.

Colectivo Os Ninguéns/ Os Ninguéns

“Recordemos que unha RISGA (Renta de Integración social Galega) individual son apenas 400 euros mensuais. En Galiza, segundo os datos oficiais recollidos pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza, o Instituto Nacional de Estadística e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, a finais de 2016 había 690.505 persoas en risco de pobreza, o que representa un 25,5% da poboación total da comunidade autónoma”, lamentan.

“En Vigo, según estas mesmas fontes había 61.400 persoas nesa situación, o que representa o 21% da poboación”. E pregúntanse, “A qué están esperando, as institucións que teñen competencias compartidas en política social para axendar de maneira urxente un plan para poñer solución a esta situación insoportable? ¿Por qué as empobrecidas deben deambular dunha ventá á outra nun laberinto burocrático que non cubre as súas necesidades básicas? ¿Qué se podería mellorar?”.

Propoñen que se aumenten os orzamentos e o número de profesionais multidisciplinares para baixar os actuais índices de espera e demora, posto que “é unha vergoña que en Vigo teñamos menos de 20 traballadoras sociais para unha cidade de tanta poboación, estánse a incumplir os ratios de atención dunha maneira flagrante”.

Acampada contra a pobreza na praza do Rei/ Miguel Núñez

Urxen ademais a que a Renda de Integración social (RISGA) se aproxime pouco a pouco ao Salario Mínimo Interprofesional, ou polo menos se asimile ao índice AROPE antes mencionado.

“E, tendo en conta a carestía da vida e a imposibilidade de acceder a vivendas por parte de certos colectivos sensibles, é urxente a creación dun parque público de vivenda en aluguer social para toda a xente a que o precise en Vigo”, subliñan.

Acampada contra a pobreza na praza do Rei/ Miguel Núñez

“Sabemos que os números son dramáticos neste senso, denunciámolo constantemente ¡e continuamos sen solucións. O albergue municipal ten prazas insuficientes e a estancia de dez días cronifica as situacións de desamparo. É urxente aumentar as camas e os prazos de pernocta para que ninguén na cidade durma na rúa contra a súa vontade”, apuntan.

Polo tanto, e en resumo, “é prioritario que as administracións se senten a traballar de maneira conxunta para elaborar un plan de emerxencia social que recolla todas estas reivindicacións e poñan fin á situación de sufrimiento de tantas veciñas da cidade”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...