InicioEconomíaO Concello veta dous meses a asistencia aos plenos do presidente do...

O Concello veta dous meses a asistencia aos plenos do presidente do comité de Vitrasa e outros seis empregados

Vitrasa e comité emprázanse a unha nova reunión tras a última oferta da empresa dunha subida do 3 % para 2023. Nun comunicado, a propia Vitrasa puxo en valor que as súas ofertas suporían uns 2.000 euros de media a cada traballador, co obxectivo de desconvocar a folga indefinida, que comezou a finais de novembro de 2023.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno de Vigo vetou durante dous meses a asistencia aos plenos municipais ao presidente do comité de Vitrasa, Imanol Arnoso, así como a outros seis empregados da concesionaria do transporte urbano da cidade de Vigo. Nunha resolución de Alcaldía, facendo uso das competencias atribuídas no regulamento Orgánico do Pleno do Concello de Vigo, o goberno local limitou a asistencia ao pleno por un prazo de dous meses a estes sete empregados identificados polos partes da Policía Local.

Todo iso tras os incidentes ocorridos nos plenos do 28 de decembro e o 29 de xaneiro, onde foron identificadas estas sete persoas e motivaron a suspensión do acto durante uns minutos mentres eran expulsadas da sala por orde da Presidencia. Entre as súas protestas, nas actas recóllense frases como: “Levamos catro anos co salario conxelado”, “34 días con reivindicacións que non valeron para nada”, “Font mentireiro” ou “Somos traballadores pobres”.

“Vitrasa solución” e outras consideracións sobre o salario e as condicións laborais que viven na empresa foron outras das frases que gritaron no medio do pleno, obrigando a que se suspendese. Estas reivindicacións realízanse no medio dun conflito que leva activo máis de tres anos, despois de que o anterior convenio colectivo caducase a finais de 2020. Tras meses de protestas, en novembro de 2023 comezou unha folga indefinida en Vitrasa que continúa activa. Mentres tanto, os traballadores teñen o solo salarial conxelado desde o 2020.

NOVA REUNIÓN TRAS A OFERTA DE SUBIDA SALARIAL DO 3 % PARA 2023 E 2024

Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte urbano do Concello de Vigo, e o comité de empresa emprazáronse a unha nova reunión de mediación o vindeiro xoves, día 15 de febreiro, tras a última proposta da compañía, que ofreceu unha subida salarial do 3 % para 2023 e 2024.

Así mesmo, segundo informou o presidente do comité de empresa, Imanol Arnoso, a firma tamén puxo sobre a mesa unha única paga non consolidable de 500 euros para facer fronte aos incrementos do IPC dos anos 2021 e 2022. Ademais, mantivo no encontro deste venres as ofertas sociais expostas ata a data e ofreceu eliminar un mes de vacacións se baixaba o absentismo.

Nun comunicado, a propia Vitrasa puxo en valor que as súas ofertas suporían uns 2.000 euros de media a cada traballador, co obxectivo de desconvocar a folga indefinida, que comezou a finais de novembro de 2023. “O comité de empresa segue cunhas propostas absolutamente desorbitadas para unha empresa en condicións de perdas económicas, cunha actitude de chantaxe cara á empresa e facendo reféns aos seus propios compañeiros”, criticou Vitrasa.

Ante esta postura, a mediadora suspendeu o encontro ata o vindeiro xoves, día 15, ás 09.30 horas. O deste venres foi o terceiro encontro de mediación levado a cabo entre Vitrasa e o comité esta semana, despois de que a compañía aceptase novamente unha mediación que, do mesmo xeito que a finais de 2023, é realizada por unha inspectora de traballo.

ÚLTIMAS

O conselleiro de Sanidade sobre a próxima entrada en vigor do novo contrato de Povisa: “Ninguén vai obrigado”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ratificou este mércores que para abril --o...

PP e BNG esixen a Caballero que “dea a cara” no pleno sobre Guns N’ Roses e interveña para dar explicacións

Os grupos municipais do PP e do BNG de Vigo esixiron ao alcalde, Abel Caballero, que...

O Sergas ten que pagar 60.000 euros á familia dun vigués por unha “deficiente” atención tras un infarto

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Sergas a pagar 60.000...

Ciencia cidadá: convidan á cidadanía para crear o primeiro banco nacional de area de praia

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) impulsou Iberarenum, un proxecto...