InicioSociedadeO Concello tramita o desaloxo forzoso de dous edificios da rúa Fisterra...

O Concello tramita o desaloxo forzoso de dous edificios da rúa Fisterra con risco de fallo eléctrico

Pide autorización ao xulgado para baleirar os inmobles despois de que a propiedade e algúns residentes desatenderon os requirimentos feitos días atrás polas boas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo trasladou ao xulgado do Contencioso Administrativo unha petición para poder proceder á entrada nos edificios 11 e 13 da rúa Fisterra, e realizar o seu desaloxo forzoso e corte de luz, ante o risco de fallo eléctrico e as posibles consecuencias.

Trátase de dous inmobles que hai tempo que están no punto de mira da administración municipal polas deficiencias na subministración eléctrica e outros problemas de habitabilidade. De feito, a propiedade (son dúas sociedades do mesmo dono) xa foi requirida varias veces para acometer melloras e foi sancionada ante a súa inacción. O pasado 10 de outubro unha persoa particular denunciou as malas condicións dos edificios, que funcionan como pensión sen licenza, alugando os pisos por habitacións e con queixas dos residentes pola falta de servizos, presenza de cascudas, gretas, humidade e outros problemas.

O 19 de outubro pasado, o Concello deu orde de desaloxar os inmobles e cortar a subministración eléctrica tras coñecer un informe do arquitecto municipal que alertaba do “risco real de fallo na instalación eléctrica con resultados impredicibles”. Para proceder ao desaloxo, desprazáronse ao lugar efectivos da Policía Local, así como técnicos municipais, que informaron aos residentes das posibilidades de reacollo.

SEN INTENCIÓN DE DESALOXAR “VOLUNTARIAMENTE”

Do medio centenar de persoas que vivían nos dous edificios, o Concello reacolleu a unha ducia, mentres o resto declinaron. Dous días despois, a Policía Local foi a comprobar a situación dos edificios e constatou que seguía habendo luz e persoas no interior, que “non parecían ter intención de abandonar as vivendas voluntariamente”.

O arquitecto municipal corroborou esta situación nunha nova inspección e advertiu de que o edificio debía ser desaloxado porque, se se cortaba a luz e seguía vivindo xente alí, había risco de que empregasen métodos alternativos, como queimadores ou veas, o que elevaba o perigo de incendio. Ademais, responsables municipais de Sanidade e Consumo tamén elaboraron un informe advertindo de que os edificios presentaban problemas que poden afectar á salubridade e á saúde dos residentes.

Por todo iso, o Concello acordou proceder ao desaloxo forzoso, para o que pediu autorización xudicial para poder entrar nos edificios, todo iso sen prexuízo das sancións que se impoñan á propiedade por desatender os requirimentos municipais. Fontes municipais informaron de que a actuación está agora pendente dese permiso do xulgado.

ÚLTIMAS

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...