InicioVigo e contornaVigoAprobadas as modificacións de crédito no Concello de Vigo para as axudas...

Aprobadas as modificacións de crédito no Concello de Vigo para as axudas de libros de texto e o sobrecusto do HALO

A proposta foi aprobada cos votos favorables do PSOE e o PP, e o voto contrario do BNG, que presentou unha emenda para garantir a progresividade das axudas, pero foi rexeitada.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns dúas modificacións de créditos para afrontar o pago de axudas extraordinarias para libros de texto, e para sufragar o sobrecusto das obras do ascensor HALO, que une a zona de García Barbón e Serafín Avendaño co complexo Vialia de Urzáiz.

En canto ás axudas para libros, o crédito extraordinario é de 5,8 millóns de euros, e o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu que se trata dunha medida “social”, para axudar ás familias, do que se beneficiarán 28.500 persoas.

Na súa intervención, contrapuxo a actuación municipal con estas axudas, ás que se suman as bolsas ordinarias municipais de libros e comedor, coa actuación da Xunta do PP, que eliminou a gratuidade dos libros de texto que implantara o bipartito.

O portavoz do BNG, Xabier Pérez, afeou o “populismo fiscal” do goberno local, que aplica esta medida seguindo o modelo do “cheque Ayuso”, sen ter en conta a renda das familias.

Mentres, o concelleiro do PP, Miguel Martín, trasladou o apoio do seu grupo a estas axudas extraordinarias, aínda que criticou a forma en que foron xestionadas polo executivo municipal, á vez que defendeu que a Xunta ten convocatorias de axudas cada ano para libros e material escolar, en función da renda.

A proposta foi aprobada cos votos favorables do PSOE e o PP, e o voto contrario do BNG, que presentou unha emenda para garantir a progresividade das axudas, pero foi rexeitada.

SOBRECUSTO DAS OBRAS DO HALO

Por outra banda, o Pleno tamén aprobou, cos votos a favor do grupo de goberno e o ‘non’ de PP e BNG, unha modificación de crédito de 2 millóns de euros para sufragar parte do sobrecusto do ascensor HALO.

A finais de xuño pasado, a Xunta de Goberno aprobou a modificación do proxecto da obra, por valor de 3,2 millóns de euros, e que supuña ampliar o prazo en 5 meses, fixando a finalización dos traballos para marzo de 2024.

Nese momento, acordouse abonar o sobrecusto en dúas anualidades, con cargo aos orzamentos de 2023 (1,2 millóns) e 2024 (2 millóns), respectivamente. Pero a UTE que se encarga dos traballos comunicou ao Concello que o prazo de finalización pode adiantarse ata finais de 2023.

Deste xeito, e constatado que non hai orzamento dispoñible para a segunda anualidade nas contas de 2023, o goberno municipal acordou tramitar esa modificación de crédito, por algo máis de 2 millóns de euros, con cargo aos remanentes.

“OBRA EMBLEMÁTICA”

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu esta modificación de crédito para finalizar unha “obra emblemática” que dará servizo a 40.000 veciños da zona, e explicou que o sobrecusto está xustificado polo incremento do prezo dos materiais e por melloras introducidas no proxecto.

Así mesmo, sinalou que a Xunta tamén incorreu en sobrecustos en 55 obras, entre os que sinalou a Cidade da Xustiza de Vigo, cun incremento do 30 % sobre o investimento inicial prevista.

A portavoz do PP no Concello, Marta Fernández-Tapias, denunciou que o goberno local asumise os sobrecustos nesa obra “sen inmutarse” nin “dar explicacións aos cidadáns”, e lembrou que o orzamento inicial anunciado polo goberno local era de 7,2 millóns.

Mentres, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, subliñou que o sobrecusto no “ascensor de Star Trek” chegou ao 120 %, e reclamou, sen éxito, que se aprobase destinar o mesmo gasto de 2 millóns, xunto a outros 10 millóns máis, para investir en barrios e parroquias de Vigo.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...