O comité de empresa de Madeira Fiber Technologies, situada na localidade pontevedresa do Porriño, reivindicou que a “única solución” para resolver a situación actual da compañía, en concurso de acredores, é que a auxiliar automobilística Faurecia recompre a firma, tras vendela en 2022.
Así o sinalaron durante a reunión que mantiveron este xoves en Santiago de Compostela coa directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha; a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toga, e o secretario da Consellería de Industria, Nicolás Vázquez.
Segundo trasladaron os traballadores aos medios de comunicación, o relato dos acontecementos “deixou atónitos” aos responsables políticos, “con ganas de investigar máis a fondo para ver se incorreron nalgún delito social ou mesmo algún tipificado como delito penal”.
O comité indicou que os responsables da Xunta reuniranse co administrador concursal para solicitale toda a documentación. Tamén se porán en contacto con Faurecia, xa que os empregados ven como “única solución” que sexa esta compañía quen recompre Madeira Fiber, “asumindo o seu mal facer ou recoñecendo que foron enganados”. “Deben asumir si ou si as súas responsabilidades con aqueles que ata hai dous días, despois de 20 anos, formaban parte do seu persoal”, sentenciaron.
FEITOS
A situación, segundo explicaron os traballadores, vén dada despois de que en xullo de 2021 Faurecia comunicou aos empregados a venda da unidade produtiva ao grupo Callista Private Equity, tratándose dun fondo voitre alemán.
En xaneiro de 2022 esta compañía tomou o control da planta do Porriño tras o pago dun euro, a pesar de que Faurecia ademais inxectou capital por valor de tres millóns, segundo denuncian os empregados.
Nese momento, os responsables do comprador reuníronse co comité informando de que traían un plan industrial para dar viabilidade ás instalacións. “A realidade que puidemos comprobar foi que nunca tiveron un plan industrial, nin investiron nada para telo, senón todo o contrario, dedicáronse a descapitalizar a planta, chegando mesmo a vender os terreos en xullo de 2022 por un prezo moi inferior ao valor de mercado de 2,4 millóns”, criticou o presidente do comité de empresa, Leonardo Suárez.
“En febreiro deste ano o fondo voitre alemán, seguindo o seu modus operanti habitual, abandona a antiga planta de Faurecia cedendo os activos por 3.600 euros a unha empresa romanesa xestionada por Rüdiger Wisser, personaxe que se define a si mesmo como ‘o enterrador”, engadiu o presidente do comité.
Segundo el, o novo propietario deixou claro que pretendía buscar un novo comprador ou pechar a planta e o pasado xoves, 14 de setembro, presentou o concurso de acredores.
