O BNG de Vigo lamentou que a reunión celebrada este xoves entre os grupos políticos municipais e o equipo redactor do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) foi “decepcionante” e non serviu para “dar resposta” ás moitas incógnitas que afectan á tramitación do plan.
O portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, lembrou que este encontro se produce despois de dous anos desde a última reunión e “tras moitos meses de insistencia”. Con todo, criticou, que nin o equipo redactor nin a concelleira de Urbanismo, María José Caride, deron explicacións “claras” sobre as “cuestións verdadeiramente importantes” do novo PXOM.
O concelleiro do BNG lamentou que o goberno local non aclarase as súas intencións con respecto ás máis de 4.000 alegacións presentadas ao documento, a falta de concreción sobre o prazo de aprobación provisional, “ao que a responsable de Urbanismo limitouse a afirmar que será en outubro”. “Polas respostas ofrecidas, volvemos constatar que non hai disposición real por corrixir esa opacidade, deixando claro que o novo PXOM continuará na escuridade dos despachos, e que non hai interese en promover o consenso político e social”, criticou Pérez Igrexas.
“REUNIÓN ENRIQUECEDORA”
Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, sinalou que a reunión deste xoves foi “absolutamente interesante e enriquecedora”, e que o equipo redactor trasladou aos grupos políticos “todo o traballo que se fixo” ata conseguir un borrador que logrou todos os informes favorables, entre eles os de Patrimonio e a avaliación estratéxica ambiental, dos que non dispuña o anterior Plan.
Caride tamén puxo de manifesto que quedou constatado que Vigo é a única cidade que non recolle no súa PXOM ningunha intervención prevista nin ningunha actuación viaria por parte da Xunta, o que demostra a “discriminación” do goberno galego. Con respecto ás alegacións, a concelleira socialista confirmou que son case 4.500, das que o 65 % foron presentadas por particulares por cuestións individuais, de maneira que non afectan ao modelo de cidade do PXOM. Con todo, sinalou que o goberno local ten “a vontade” de incorporar todas as suxestións que sexan posibles.
Por outra banda, tras insistir en que este Plan se fixo “con absoluto rigor e con todas as garantías legais e xurídicas”, afeou ao BNG que propuxo “non esperar” ao informe de Patrimonio “e tirar para adiante”, fronte ao que o goberno municipal optou pola “prudencia”. Finalmente, reiterou o compromiso de ter o PXOM aprobado provisionalmente “este ano”. De feito, nas últimas horas, en declaracións remitidas aos medios, fixou en 3 meses o prazo para ese trámite.
Ante estas declaracións, desde o BNG criticaron as “mentiras e falsidades” que dixo Caride, aclarando que é “rotundamente falso” que o Bloque propuxese non esperar ao informe de Patrimonio e lembrando que unha parte importante das alegacións do partido ao novo PXOM están relacionadas precisamente coa protección do patrimonio. Ante este “descaro”, Igrexas proporá que as próximas reunións se leven a cabo de forma “pública”, para que situacións como estas non se repitan.