InicioSociedadeO TSXG exime ao Concello de Vigo de indemnizar a unha muller...

O TSXG exime ao Concello de Vigo de indemnizar a unha muller por unha caída preto dunhas obras

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza dun xulgado de Vigo que rexeitou que o Concello tivese que indemnizar a unha muller que caeu en outubro de 2018 cando transitaba pola rúa Gran Vía ao baixar pola beirarrúa na esquina con María Berdiales. 

A demandante reclamaba 34.984 euros polos danos e prexuízos que sufriu, pois sostivo que o esvarón se produciu como consecuencia do barro existente na beirarrúa proveniente da obra de humanización da rúa María Berdiales, entre Gran Vía e Hernán Cortés. A Sala salienta que a proba practicada resulta “insuficiente” para establecer “que concorrese á produción do sinistro a ineficiencia na prestación do servizo de limpeza e sinalización”, á vez que indica que “non resulta xustificado, nin se probou que exista, nexo causal eficiente entre o funcionamento da Administración e os danos que se reclaman”.

O TSXG destaca que en ningunha das fotografías incorporadas ás actuacións “se advirte o barro, areas ou sucidade e restos da obra”. Ademais, asegura que as obras se atopaban “perfectamente delimitadas e pechadas con valo e tamén debidamente sinalizadas, sen influencia algunha das obras na zona de tránsito do seu exterior”. Ademais, afirma que no trámite do recurso de apelación “non se proporcionou á Sala ningún novo elemento que permita e proporcione maior luz sobre as circunstancias do estado do lugar no que se produciu a caída, a efectos de atribuír á administración responsabilidade directa”.

Na sentenza, advirte que non é suficiente para implicar á administración como responsable “o feito de que puidese haber area ou barro procedente dunha obra, circunstancia esta que non significa que o mantemento e coidado por parte da administración fose deficiente sen máis e por así consideralo a recorrente”. Por iso, os xuíces inciden en que, aínda que non dubidan da caída da muller, “os datos e a proba testifical achegada non son suficiente proba que acredite que a caída se produciu con intervención e funcionamento normal ou non da administración, pero en indubidable relación de causalidade”.

Do actuado despréndese, segundo a Sala, que a muller “acolle, erroneamente, que a administración responde en todo suposto de actuación normal ou anormal, sen necesidade de existencia de relación causal entre o funcionamento do servizo e o dano causado; ou ben que a carga da proba se traslada, en todo caso, á administración, unha vez constatada a caída nun lugar cuxo mantemento e coidado corresponde neste caso á Administración local demandada, o que non é así”. O fallo non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

ÚLTIMAS

A falta de visibilidade en Peinador obriga a regresar a Madrid a un avión con destino Vigo

A falta de visibilidade obrigou a regresar a Madrid ao piloto do voo de...

‘Romaría’: Carla Simón viaxa á ría de Vigo para reconstruír o pasado dos seus pais

A cidade de Vigo acolle este martes a preestrea do filme 'Romaría' (a estrea...

A Plataforma fronte á Masificación Turística pide unha moratoria de licenzas para VUT

A Plataforma fronte á Masificación Turística de Vigo e O Morrazo dirixiuse por carta...

O PP de Vigo pide a Caballero que deixe as “ambigüidades” sobre a biblioteca de Teis

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu ao alcalde, Abel Caballero,...