InicioSucesosRebaixada en ano e medio a condena imposta ao destinatario da droga...

Rebaixada en ano e medio a condena imposta ao destinatario da droga do ‘New Polar’ por non ser reincidente

O alto tribunal galego desestima o recurso presentado contra o fallo de primeira instancia polo cociñeiro, de Cangas do Morrazo, quen foi condenado a catro anos de cárcere.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) confirmou, case na súa totalidade, a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que condenou a tres implicados na introdución en España de 30 quilos de cocaína a bordo do pesqueiro ‘New Polar’, que atracou no porto de Cangas o 22 de maio de 2019. O prezo da droga no mercado ilícito, segundo a resolución, superaría os 1,2 millóns.

Con todo, o TSXG rebaixa de oito a seis anos e medio a condena imposta á persoa que recibiría a droga aprehendida, pois estiman que non concorre a agravante de reincidencia. Pero o TSXG mantén a condena relativa ao pago da multa, que ascende a 1.210.829 euros.

Por contra, o alto tribunal galego desestima o recurso presentado contra o fallo de primeira instancia polo cociñeiro, de Cangas do Morrazo, quen foi condenado a catro anos de cárcere e ao pago dunha multa de 600.000 euros.

No seu caso, o tribunal tivo en conta a atenuante de confesión, pois considera probado na sentenza que “a aprehensión da sustancia estupefaciente e a frustración da finalidade da operación de transmisión a terceiros” foi propiciada “pola colaboración desinteresada do propio acusado, quen desde o ano 2014 mantiña unha relación de confidente con axentes da Garda Civil”.

Os maxistrados tamén mantiveron a pena imposta -seis anos de cárcere e o abono de 1.210.829 euros- ao acusado que operaba como ligazón en España dos provedores da cocaína.

ABSOLTOS

No seu momento, a sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra decidira absolver aos outros tres procesados, ao determinar a invalidez das probas contra eles, xa que se baseaban no envorcado de datos do teléfono do cociñeiro do barco, e non se puido asegurar a cadea de custodia do terminal nin garantir que non fose manipulado.

Precisamente por iso, na súa sentenza a Audiencia Provincal considerara que non quedaba acreditado que os acusados integrasen un grupo criminal, polo que resolveu absolvelos a todos con respecto a este delito.

ÚLTIMAS

A ministra de Deportes suxire que Vigo será sede do Mundial de Fútbol

A ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Milagros Tolón, asegurou que o estadio...

Rescatados dous tripulantes que encallaron co seu veleiro en Cabo Silleiro

O rescate dos dous tripulantes dun veleiro que quedou encallado fronte á costa de...

UGT suspende a concentración contra o ataque con explosivos á súa sede de Vigo á que ía acudir Pepe Álvarez

A condena do ataque contra a sede de UGT en Vigo terá que agardar...

Vigo mantén en segredo o motivo da suspensión do contrato de bus de 470 millóns: “Saberase cando a lei o permita”

Case dous meses despois de que o Concello de Vigo anunciase a suspensión da...