InicioEconomíaUnhas xornadas da UVigo afondarán en como creatividade e innovación poden xerar...

Unhas xornadas da UVigo afondarán en como creatividade e innovación poden xerar un futuro máis sostible

Inseridas no programa ‘Ciencia de ida e volta’, terán lugar o mércores 24 na Casa das Campás. Entre outras cuestións, deteranse no impacto ambiental da investigación

PUBLICADO O

- Advertisement -

Afondar en como a través da investigación, da innovación e do pensamento creativo multidisciplinar é posible construír un futuro máis sostible. Ese é o obxectivo das xornadas que a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo promove o vindeiro mércores 24 na sede da Vicerreitoría do campus, no marco do programa de divulgación científica Ciencia de ida e volta, que a Universidade desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt). Dirixido a conmemorar o Día Mundial da Creatividade e da Innovación, celebrado o pasado 21 de abril, diferentes investigadoras da UVigo serán as protagonistas dun evento que se desenvolverá entre 18.30 e as 20.30 horas. A través de tres conferencias, as xornadas porán o foco nas fontes de financiamento europeo para o desenvolvemento de proxectos centrados na sostibilidade, no impacto ambiental da investigación e en como a innovación permite xerar alternativas a procesos ata o de agora contaminantes.

Aberta ao público, con inscrición previa ata completar a capacidade da sala, a xornada abrirase cun relatorio da directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea, titulado Creatividade e innovación na captación de fondos europeos para construír sociedades máis sostibles. Como explican desde a UCC+i, esta conferencia centrarase no traballo que desenvolve a Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo “en relación coa identificación de fontes de financiamento da Unión Europea e o apoio a toda a comunidade universitaria para deseñar e levar a cabo proxectos innovadores en terceiros países que contribúan á súa sostibilidade”. 

Investigación para un futuro máis sostible

Tras este primeiro relatorio, a actividade continuará co relatorio A investigación sostible do futuro, no que interveñen Carla Cameselle, María Dolores Torres e Noelia Flórez, do grupo de investigación en Biomasa e Desenvolvemento Sostible da UVigo, pertencente ao Cinbio. A súa intervención estará centrada, como sinalan desde a UCC+i, na “problemática do impacto ambiental na investigación e a necesidade de utilizar tecnoloxías máis sostibles para reducilo”. Con esa idea, presentarán diferentes tecnoloxías verdes e as súas posibles aplicacións, á vez que que reflexionarán sobre “o papel da tecnoloxía para axudar a crear un futuro máis sostible e sobre como a adopción de tecnoloxías verdes pode mellorar a eficiencia e reducir os residuos” nos procesos investigadores.

Finalmente, a xornada pecharase coa conferencia Residuos agroindustriais: unha segunda vida como absorbentes de contaminantes ou catalizadores para a xeración de combustibles, a cargo de Aida María Díez, do grupo de Bioenxeñería e Procesos Sostibles (Biosuv), pertencente ao Cintecx. Díez Sarabia abordará na súa intervención dúas das liñas de traballo deste grupo, a centrada nos “procesos de absorción”, o uso de materiais porosos para reter elementos contaminantes que poidan atoparse en augas residuais, e a dedicada os “procesos de xeración de hidróxeno, centrados na rotura da electroquímica da auga para producir este combustible non contaminante”. En ambos casos, explican desde a UCC+i, o grupo busca que estes materiais “teñan base de carbono e nitróxeno” e sexan libres de metais, coa idea de reducir a contaminación asociada a estes. Deste xeito, este terceiro relatorio buscará incidir en como a innovación permite ”que procesos tradicionais altamente contaminantes poidan reinventarse e ser máis eficientes e sostibles”.

ÚLTIMAS

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...

Stellantis Vigo prorroga o ERTE para 2026 con división sindical

A dirección da factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis e sindicatos asinaron este venres...

A Policía alerta dunha vaga de ciberestafas con criptomoedas en Vigo e Redondela: vítimas con perdas de ata 2 millóns

A Policía Nacional alertou sobre o aumento de ciberestafas relacionadas co investimento en criptomoedas...