“ANTROPIMAR” é o nome do proxecto que ten por obxectivo analizar o impacto ambiental histórico das actividades humanas ao longo dos estuarios e a plataforma da costa norte da Península Ibérica. O proxecto comezou en 2019 pero interrompeuse por mor da pandemia da COVID-19, que impediu o desenvolvemento das mostraxes iniciais. Agora, retomada a actividade habitual, a pasada semana leváronse a cabo, de forma simultánea, unha campaña de mostraxe na zona intermareal da enseada de San Simón e a mostraxe da zona submareal da ría de Vigo a bordo da embarcación INNDAGA, pertencente á Universidade de Vigo.
O proxecto está codirixido por investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO, e conta coa participación do grupo de investigación GEOMA da Universidade de Vigo. Segundo Lucía Viñas, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo, “este proxecto servirá para evidenciar a pegada do Antropoceno en sedimentos costeiros da costa atlántica española. Noutras palabras, como o impacto humano modificou ata tal punto as condicións que se pode falar dun período xeolóxico diferente.”
A mostraxe realizada a pasada semana centrouse en tomar testemuñas de sedimento que permitirán avaliar diferentes parámetros: microplásticos, contaminantes orgánicos e inorgánicos, caracterización sedimentolóxica, foraminíferos, pole, metais, isótopos radioactivos, para identificar signos das presións humanas. Nestas campañas participaron investigadores dos diversos socios do proxecto, o que permitiu realizar a primeira reunión presencial do equipo de traballo, xa que as restricións debido á pandemia permitiran unicamente realizar reunións de traballo virtuais.
O Instituto Español de Oceanografía (IEO), é un Centro Nacional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, dedicado á investigación en ciencias do mar, especialmente no relacionado co coñecemento científico dos océanos, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o medio ambiente mariño.