InicioSociedadeUVigo, USC e SERGAS asinan un convenio para mellorar a asistencia sanitaria...

UVigo, USC e SERGAS asinan un convenio para mellorar a asistencia sanitaria en Galicia grazas á ciencia

PUBLICADO O

- Advertisement -

As universidades de Vigo e Santiago de Compostela alíanse coa Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) para mellorar a calidade asistencial sanitaria que se presta á cidadanía e optimizar deste xeito a utilización dos recursos dispoñibles.

Para isto, o titular da carteira sanitaria autonómica, Jesús Vázquez Almuíña, e os reitores de Vigo, Manuel Reigosa, e Santiago, Antonio López, asinaron este luns un convenio de colaboración.

A finalidade deste acordo é o desenvolvemento dunha liña de traballo conxunto para implantar un sistema de avaliación asistencial cun deseño metodolóxico científico (obxectivo, de rigor e de excelencia) que garanta medir os resultados en saúde nos pacientes galegos, consecuencia das intervencións asistenciais implantadas no Sergas. O proxecto dirixirase ás patoloxías de maior impacto asistencial ou máis prevalentes.

Os estudos, que realizarán conxuntamente o Sergas e as universidades, permitirán cuantificar con rigor os resultados en saúde dos diferentes tratamentos ou intervencións sanitarias en patoloxías que, pola súa prevalencia ou gravidade, teñan especial interese sociosanitario ou requiran un especial seguimento da efectividade das intervencións efectuadas.

Os criterios de selección dos estudos a abordar serán determinados polo Sergas e rexeranse por razóns de impacto asistencial ou social, pola gravidade da enfermidade, a efectividade da atención sanitaria ou polas necesidades asistenciais.

Grupos de traballo interdisciplinares

Para o desenvolvemento deste proxecto contarase cun grupo de investigadores expertos nos distintos campos que comprende este tipo de estudos (metodoloxía, epidemioloxía, economía da saúde, estatística, etcétera) que pertenzan ás tres institucións públicas e implicaranse tamén os sistemas de información de análise complexas e a Hexin, a Plataforma de Big Data corporativa do Servizo Galego de Saúde.

A liña de traballo consistirá no deseño e desenvolvemento de estudos que permitan avaliar os tratamentos e intervencións sanitarias en termos de efectividade, seguridade e eficiencia, o seu impacto na saúde da poboación e na calidade asistencial.

Deste xeito, e en base ao convenio asinado este luns, os profesionais do Sergas achega a experiencia en xestión e coñecemento en materia de asistencia sanitaria, e os expertos das dúas universidades, a metodoloxía científica. O convenio terá unha duración de tres anos e poderá ser prorrogado por dúas anualidades máis.

ÚLTIMAS

Sogama acusa a Caballero de mentir sobre a subida do canon do lixo

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, acusou este luns ao alcalde de Vigo,...

O BNG esixe pór fin ao “descontrol” e á “barra libre” dos pisos turísticos en Vigo: “En 5 anos, pasaron de 400 a 2.400”

O BNG de Vigo esixiu ao goberno municipal e á Xunta de Galicia que poñan fin...

O embaixador de Perú rende homenaxe ás vítimas do Villa de Pitanxo no porto de Vigo

O embaixador de Perú en España, Luís Iberico Núñez, encabezou este domingo unha ofrenda...

Enfróntase a máis de 16 anos de cárcere acusado de violar e roubar a unha muller á de traballar dun hospital de Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o vindeiro...