InicioMedio Ambiente e PatrimonioA relación de amor e odio entre as árbores e os fungos

A relación de amor e odio entre as árbores e os fungos

PUBLICADO O

- Advertisement -

Catro conferencias abertas ao público e promovidas pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra da UVigo buscan esta semana ampliar a formación do alumnado, abordando cuestións como a dopaxe no deporte ou os lumes forestais.

O ciclo abriuse este martes na Escola de Enxeñaría Forestal cunha conferencia do investigador da Universidade de Santiago de Compostela Martín Souto, quen afondou nos diferentes tipos de relacións, “moitas veces non evidentes”, que se establecen entre os fungos e as masas arbóreas.

Preto do 90% dos vexetais no planeta, lembrou Souto, un dos responsables do herbario da USC, “están interrelacionados con fungos micorrícitos”, aqueles cos que árbores e plantas establecen unha relación de simbiose mediante a interrelación entre as raíces e os filamentos do fungo.

No eido concreto das masas forestais, eixo central dunha conferencia presentada pola profesora Graciela Paz, estas micorrizas van máis aló da súa “versión máis evidente” que son os cogomelos que medran xunto ás árbores, para darse baixo a terra na maioría dos casos, “axudando os fungos a través dos seus filamentos microscópicos a absorber auga e sales minerais” e obtendo estes das árbores azucres ou hidratos.

“É un intercambio, que tamén serve para protexer ás árbores doutras enfermidades”, engadiu Souto, quen sinalou tamén que estudos recentes “indican que varias árbores poden estar comunicadas a través dos filamentos dos fungos”, como se constituíse “unha rede subterránea de filamentos que entrelaza o bosque”.

O investigador da USC foi presentado pola profesora da escola Graciela Paz/ Duvi

Máis aló das micorrizas, Souto detívose tamén nos fungos saprófitos, aqueles que para alimentarse degradan a materia orgánica, “madeira, follas, froitos”, de tal xeito que “reciclan todos os nutrientes e devólvenos ao ecosistema”.

Mais tamén, lembrou, existen fungos parasitos, que se alimentan de materia orgánica viva e que “dependendo da especie de árbore e da especie de fungo” poden provocar a morte do vexetal na que se hospedan.

“A maior parte das enfermidades nas plantas son provocadas por fungos, hai unha pequena parte causada por bacterias e outra por virus, pero a maioría son causadas por fungos que viven nun organismo vivo e vano deteriorando”, explicou Souto, quen achegou ao alumnado da EE Forestal unha serie de exemplos de fungos parasitos que afectan con maior frecuencia a coníferas ou a árbores caducifolias.

Detívose en casos como o da Armillaria merea, “un dos patóxenos forestais máis problemáticos que temos, porque é bastante agresivo” e afecta a diferentes especies arbóreas, explicou, desde piñeiros ou eucaliptos a cipreses ou árbores froiteiras.

ÚLTIMAS

PP e BNG emendan a ordenanza das Zonas de Baixas Emisións de Vigo: uns piden atrasar multas e outros devolver o texto

Os grupos municipais da oposición no Concello de Vigo presentaron as súas emendas ao...

Tres detidos por abandonar a un home ferido nunha cuneta en Moaña

A Policía Nacional detivo nas últimas horas a tres persoas supostamente relacionadas coa aparición...

Un SMS falso acaba nunha estafa de 140.000 euros. Así é a estafa intervida pola Garda Civil no Porriño

O Equipo de Investigación Tecnolóxica da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da...

O persoal do lixo de Vigo convoca folga indefinida a partir do 24 de maio

O comité de persoal de FCC (CIG, CC.OO. e USO), concesionaria do servizo de...