O xulgado de instrución número 2 de Tui ditou auto no que rexeita citar como investigado a unha testemuña da que se fixeron probas de ADN que desvelaron coincidencias coa análise dun pelo atopado no corpo de Déborah Fernández Cervera, xa que ditas coincidencias non son concluíntes e non permiten apuntar de ningún modo a súa posible participación na desaparición e morte da nova.
Segundo confirmaron os letrados da familia, nestes momentos segue habendo un único investigado (imputado) no caso e é o exmozo da moza, que o pasado 11 de marzo prestou declaración e reivindicou a súa inocencia.
A instancias destes avogados, practicáronse numerosas probas de ADN, entre elas a unha persoa que foi investigada policialmente e cuxos resultados comparativos arroxaron unha coincidencia, aínda que non concluínte. Ademais, os propios peritos do Instituto Nacional de Toxicoloxía, que compareceron ante a xuíza, foron “contundentes” ao afirmar que non se pode determinar a participación desa testemuña nos feitos.
Precisamente por iso, a xuíza descartou unha nova imputación e, segundo matizaron os avogados da familia, tampouco hai novas pistas que puidesen apuntar a unha posible exculpación do único investigado.
Se non hai novidades antes, este sábado prescribirá o caso (ao cumprirse 20 anos dos feitos), salvo para todas aquelas actuacións que teñan que ver co investigado. É dicir, non se poderá imputar a ninguén máis pola desaparición e morte de Déborah Fernández Cervera e, a partir de aí, o xulgado deberá decidir se a instrución acaba con apertura de xuízo contra o exmozo ou se se arquiva definitivamente o procedemento.