Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, R.S.X., de 52 anos de idade, como presunto autor dun delito de quebrantamento de condena, ao vulnerar unha orde de afastamento da súa exparella. O home foi interceptado cando circulaba con ela en coche, sen permiso de conducir, e baixo os efectos do alcol.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na noite do pasado luns, cando unha testemuña requiriu a uns axentes que patrullaban pola rúa Pintor Laxeiro. Este viandante informoulles de que vira unha parella, ambos moi ebrios, que subiran a un vehículo en dirección á Praza de América.
Coa descrición do vehículo, unha dotación do 092 logrou localizalo na Avenida de Castelo, e comprobou que o condutor circulaba a unha velocidade anormalmente reducida, realizando continuos cambios de carril. A Policía interceptou o coche e, ao dirixirse ao condutor, decatouse de que tiña evidentes síntomas de estar baixo os efectos do alcol. Ao tratar de identificalo, o sospeitoso negouse a dar os seus datos, achegando distintos nomes e números de DNI.
A muller que o acompañaba, manifestou espontaneamente aos axentes que era a exparella do home e que, aínda que tiña unha orde de afastamento con respecto a ela, estaban xuntos porque “quería darlle unha oportunidade”. Foi a propia muller a que achegou os datos do condutor.
A Policía Local comprobou a identificación e ratificou a vixencia dunha orde de afastamento emitida polo xulgado do Penal 3 de Vigo, polo que procedeu á detención do condutor, a pesar de que se resistiu e non colaborou.
Por outra banda, tamén lle realizaron a proba de alcoholemia, que arroxou un resultado de 0,87 e 0,76 mg/l, o que excede o límite penal; e comprobaron, na base de datos da DGT, que o home non ten carné de conducir en vigor. Por todo iso, tamén se instruíron dilixencias por supostos delitos contra a seguridade viaria.