O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) mostra o seu total apoio aos traballadores da empresa “Esteve Taijin” e ás mobilizacións que están a realizar para denunciar a precariedade laboral á que están sometidos e á consecuente deterioración na prestación do servizo de terapia respiratoria domiciliaria aos pacientes das áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra-O Salnés e Santiago-Barbanza.
“A Fisioterapia Respiratoria Domiciliaria é esencial para o tratamento e seguimento de patoloxías de tipo crónico que afectan o pulmón e/ou ás vías respiratorias ás que desafortunadamente hai que engadir o elevado e crecente número de casos de persoas con afeccións respiratorias provocadas polas síndromes PostCovid e/ou Covid Persistente”, explica o presidente do CoFiGa, Gustavo Paseiro Ares.
Por iso, considera “totalmente inadmisible a deterioración na calidade da prestación deste servizo asistencial en tres áreas sanitarias tan populosas”. Entre as enfermidades respiratorias están a EPOC, asma, hipertensión pulmonar, bronquiectasias ou infección bronquial crónica, enfermidades pulmonares de orixe laboral hipertensión pulmonar, agudizaciones da fibrosis quística.
Os traballadores de ‘Esteve Taijin’ protagonizaron o pasado día 14 de febreiro a primeira xornada de folga convocada, concentrándose ademais en Santiago, no centro da empresa situado na Avenida de Barcelona, así como no almacén do Porriño (Pontevedra). Unhas mobilizacións que se repetirán o vindeiro luns 21 de febreiro, cunha nova xornada de folga e concentracións nos centros da empresa en Vigo e Pontevedra. Denuncian con estas mobilizacións e xornadas de folga o incumprimento dos pregos de contrato que leva a cabo a concesionaria, que repercuten nun empeoramento das súas condicións laborais.
Tal e como argumentan os propios traballadores, a empresa comezou en novembro de 2020 a prestar servizo como concesionaria do Sergas para a prestación de atención domiciliara a pacientes con patoloxía respiratoria nas áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Pontevedra-O Salnés e Vigo, presentando o que cualifican de “oferta temeraria á baixa” que segundo expertos no sector resulta totalmente “irrealizable”. Ademais, a empresa conta con só 77 traballadores, unha cifra moi inferior aos 136 que fixa a concesión.
“Esta situación provoca unha considerable deterioración na prestación do servizo, con falta do material sanitario necesario e provocando que moitos pacientes teñan que desprazarse aos centros da empresa cando antes eran atendidos no seu domicilio”, critica o Colexio de Fisioterapeutas.