O comité de empresa de Vulcano denunciou este luns o “agravio” que sofren con respecto a outro estaleiro vigués, Fillos de J.Barreras, e mentres que eles se senten “abandonados” pola Xunta, apuntaron que a administración e o clúster do naval están a mobilizarse para facer fronte á crise de Barreras.
En declaracións aos medios, o presidente do comité, Nicolás Sangabriel (CC.OO.), lembrou que Vulcano non ten encargos, que a construción do último barco púidose rematar grazas ao compromiso dun persoal que mesmo “traballou sen cobrar”.
Por contra, Barreras ten pedidos millonarios en carteira e clientes aos que “hai que defender”, mentres que Vulcano “só” ten agora un persoal de 70 operarios, á espera de que se execute un expediente de regulación de emprego de carácter extintivo. “Esa é a diferenza. Hai que defender os clientes, e Ritz Carlton pesa moito”, apuntou o representante dos traballadores.
Os responsables do comité mantiveron este luns un encontro co maxistrado do Xulgado Mercantil 3 de Vigo, ao que tamén acudiron os administradores concursais de Vulcano (que está en proceso de liquidación e ten unha débeda de máis de 200 millóns de euros). Trátase dunha audiencia na que traballadores e administradores trasladaron ao xuíz os motivos polos que non se alcanzou un acordo para a aplicación do ERE de extinción, e que é o paso previo ao auto xudicial de extinción dos contratos.
Segundo trasladou Sangabriel, os traballadores seguen defendendo a posibilidade de que se lles aplique un ERE de suspensión, como vía para que, se chega un investidor que queira manter a actividade produtiva no estaleiro, teña que subrogar ao persoal.
A administración concursal, pola súa banda, explicou a falta de acordo pola imposibilidade de seguir mantendo un cadro de persoal cando “non hai tesouraría” para afrontar ese gasto.
PERÍODO DE OFERTAS
Así as cousas, unha vez que se emita o auto de extinción de contratos, explicou o presidente do comité, abrirase un período de presentación de ofertas para posibles investidores interesados que, entón si, poderán facerse co estaleiro sen a ‘carga’ dos seus traballadores.
“Estamos amolados, non pensamos que iamos chegar ata aquí sen que aparecese un investidor”, lamentou Sangabriel, quen convocou aos traballadores a unha asemblea para o próximos venres, á espera de que, durante esta semana, o xulgado Mercantil emita o auto de extinción de contratos.
A partir dese momento, constatou o representante sindical, “desaparece a relación dos traballadores coa empresa”, e aos operarios, moitos con máis de 40 anos de traxectoria en Vulcano, só lles quedará “o sentimento de que aquilo foi algún día a súa casa”.
En todo caso, Nicolás Sangabriel advertiu de que seguirán “loitando” para defender o seu dereito a traballar se o estaleiro mantén a súa actividade. “Coma se hai que encadearse nas instalacións”, apuntou.