InicioSociedadeOs centros de investigación do campus de Vigo abrirán durante un mes...

Os centros de investigación do campus de Vigo abrirán durante un mes as súas portas á cidadanía

O CIM inicia as actividades este venres e sábado no campus, na Ecimat e na ría.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Abrir os laboratorios á cidadanía e achegar a investigación científica e tecnolóxica á sociedade. Con estes obxectivos naceu en 2018 o programa Divulgando Ciencia Singular, unha iniciativa para que os centros de investigación da Universidade de Vigo dean a coñecer de primeira man o traballo que desenvolven. Así, dende esta fin de semana e ata finais de novembro, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx), o Centro de Investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) desenvolverán actividades diversas para divulgar os proxectos de referencia e resultados de investigación.

As actividades son de balde, previa inscrición na web cienciasingular.gal, e pode participar calquera persoa, tanto adultos como nenos e nenas. O programa está cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Unha maneira de facer Europa.

CIM

O centro máis madrugador é o CIM, que mañá abre as súas instalacións do campus de Vigo cunha visita guiada que terá dúas quendas, unha ás 16:00 horas e outra ás 16:30 horas. O sábado poderase visitar a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, a onde se chegará nun traxecto en barco dende A Laxe. Durante o percorrido as persoas participantes poderán aprender cuestións interesantes sobre a ría de Vigo ou descubrir o funcionamento dun robot subacuático. O programa complétase o día 29 con visitas guiadas ás instalacións do CIM no campus de Ourense.

Programa completo do CIM

CINTECX

A seguinte semana será o Cintecx o que abra as súas portas á cidadanía. Farao o día 28 a partir das 16.00 h, coa visita do alumnado do Bacharelato STEM do colexio Compañía de María de Vigo, para o que deseñaron un programa de actividades que comprende tres obradoiros sobre conceptos relacionados coa combustión, a intelixencia artificial ou o desenvolvemento sostible e a biotecnoloxía.

CINBIO

O Centro de Investigación Biomédica deseñou para esta celebración un ciclo de actividades arredor de tres bloques temáticos. A primeira será o 2 de novembro para escolares de 4º da ESO e 1º de Bacharelato co fin de promover vocacións científicas. Os días 4 e 9 desenvolverase as actividades de Cinbio na rúa, coa instalación de postos informativos nas cidades de Ourense e Vigo, respectivamente, nos que persoal do centro informará á cidadanía das liñas de investigación e proxectos na rúa do Paseo e na rúa do Príncipe. O 11 de novembro o edificio Olimpia Valencia abrirá as súas portas a medio cento de persoas para realizar unha visita guiada, participar en charlas e experimentos en directo. Ademais, o día 13 terá lugar unha xincana científica e a programación rematará o día 19 cunha xornada de portas abertas na Escola Superior de Enxeñería Informática do campus de Ourense.

A programación do Cinbio irase cargando neste enlace.

ATLANTTIC

O Centro de Investigación e Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, abrirá as súas portas ao publico xeral a finais do mes de novembro. Nesta xornada de portas abertas, o centro ofrecerá visitas guiadas as súas instalacións, obradoiros e demostracións prácticas, e habilitaranse espazos de divulgación nos que investigadores e investigadoras de recoñecido prestixio presentarán os seus proxectos de referencia e resultados de investigación. 

ECOBAS

O centro interuniversitario de investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) tamén se une a esta actividade de promoción da investigación cun programa de actividades que comprende tres eventos. O día 26 de outubro presentarase en Vigo o proxecto Saves (Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social); o día 9 e Santiago de Compostela, terá lugar o seminario de seminario de transferencia Libra de Oficio, coa participación da cooperativa Muuhlloa e o día 23, dentro deste mesmo ciclo os protagonistas serán as adegas Martin Codax. 

ÚLTIMAS

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a "inacción" da Xunta e do...

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación...

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...