InicioSociedadeAsociacións de familiares denuncian a DomusVi por “fraude” na alimentación diaria de...

Asociacións de familiares denuncian a DomusVi por “fraude” na alimentación diaria de anciáns nas residencias

Din que anuncia nas súas residencias peixe fresco cando en realidade é conxelado e de baixa calidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Asociacións de familiares de residentes en xeriátricos, neste caso de DomusVi, presentaron unha denuncia ante a administración de consumo en Galicia contra o grupo dominante do sector de servizos de xeriatría en España, por “mentir” aos anciáns nos menús que se lles presentan, ao anunciar peixe fresco cando en realidade “todo é conxelado”.

O detonante xurdiu nos menús especiais das pasadas festas do Nadal preparados pola empresa para os 150 residentes da residencia de Barreiro (Vigo). Así, para a cea de fin de ano anunciábase como principal prato “pescada fresca á sidra con patacas e trigueiros”.

Os denunciantes lembran que “esa semana, as lonxas galegas estiveron desbastecidas de peixe fresco polo prolongado temporal que azoutou a costa atlántica, e quen tivo a fortuna de acceder ao peixe tamén denominado ‘do día’ pagouno a prezos desorbitados”.

Din, ademais, que as propias traballadoras “coñecen perfectamente a calidade dos alimentos que se utilizan nas cociñas das residencias de DomusVi” e afirman que “ratificaron aos familiares a certeza” de que o grupo anglo-francés “non utiliza o peixe fresco desde hai anos”.

Familiares tamén aseguraron que os residentes, que “saben distinguir con claridade o peixe fresco do conxelado”, afirmaron que comeron peixe “de baixa calidade e insípido”, utilizando a expresión “bazofia”, “miseria” e “tomadura de pelo”.

Asociacións de familiares denuncian a DomusVi por dar comida de baixa calidade aos anciáns / © Miguel Núñez.

“MENÚS DESCOMPENSADOS”

A denuncia ampliarase na próxima semana ao presentarse tamén ante o departamento de Política Social da Xunta, ao existir constancia, segundo os familiares, de que se está implementando unha alimentación caótica na maior parte das residencias de DomusVi, cuns “menús estándar ideados a máis de 1.000 quilómetros de Galicia, en Barcelona, por un departamento de nutrición exiguo, e que non pode controlar a calidade e a propiedade dos máis de 50.000 menús (25.000 usuarios) que se distribúen diariamente, entre comida e cea, nas 198 residencias e de atención diúrna que DomusVi ten distribuídas no Estado español”,

Tamén se detectou, segundo afirman as asociacións de familiares, “un abuso de alimentos astrinxentes” nunha poboación de residentes que padece de estrinximento maioritariamente.

“Menús descompensados”, afírmase textualmente na denuncia, “pola súa cantidades que pendulan dun extremo ao outro, pola súa abundancia ou pola súa escaseza, producindo vómitos nas persoas que non teñen unha dimensión psico-física suficiente, polos seus trastornos, como para entender ou controlar ata que punto están saciados; e, no outro extremo”, continúa a denuncia.

“Atopámonos con casos de menús que non chegan para todos os comensais, levantándose os residentes do comedor sen probar bocado ou simplemente cunha sopa augada no estómago”, proseguen.

Os familiares din presentar reclamacións orais sobre este último particular, atopando unha resposta “extravagante” na dirección da empresa: “Non chegou a comida para todos”. E “non hai plan B, engaden os familiares.

Asociacións de familiares denuncian a DomusVi por dar comida de baixa calidade aos anciáns / © Miguel Núñez.

TRABALLADORAS NO “LÍMITE DO ESCRAVISMO”

DomusVi é o grupo líder en España de servizos xeriátricos, como resultado da fusión da catalá SARquavitae e da galega Geriatros. DomusVi Group é propiedade de dous fondos de investimento, un francés e o outro inglés. Á fronte da empresa en España, como conselleira delegada, mantense, xa desde os tempos de Geriatros, Josefina Fernández, ferrolá que, din, mantén “de unllas” a boa parte das súas empregadas, que a acusan de “vulnerar” os dereitos dos traballadores e de fomentar unha situación laboral “no límite do escravismo”.

Ademais de presentar a denuncia por “fraude”, os presidentes das asociacións de familiares máis activas de Galicia, ASFAREBA (Vigo) e Vellez Digna (no Morrazo e O Salnés), entregaron na mañá deste venres unha pescada fresca na sede central española de DomusVi, situada no centro de Vigo, para “facer constancia de que o peixe fresco existe, non é unha entelequia aínda”, segundo afirmou o presidente de ASFAREBA, Paulino Campos.

“Unha pescada recentemente collida ao anzol que chegou viva ao barco, e que conserva a súa graxa característica, como ben sabemos na costa e como ben sabe boa parte dos anciáns que non perderon aínda as súas condicións cognitivas e gustativas”, describiu.

ÚLTIMAS

Pleno de Vigo pide a Rueda o cesde de Diego Calvo e “apoio” para esixir á RFEF as puntuacións de sedes do mundial

O pleno de Vigo aprobou este luns, só cos votos a favor do PSOE e...

Covocado un paro en Aimen este martes para denunciar a súa perda de poder adquisitivo

O persoal do centro tecnolóxico Aimen, con sedes no Porriño (Pontevedra), anunciou a convocatoria dun...

Piden 11 anos de prisión para un home acusado de agresión sexual e de roubo con violencia

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará o...

Abel Caballero asegura que o Goberno cumpre “os prazos” e o AVE Vigo-Madrid “avanza a toda velocidade”

Segundo o rexedor olívico, esta mesma semana a Avogacía do Estado emitiu o informe...