InicioPolíticaCaballero sobre o delegado da Xunta López-Chaves: “É un mercenario político e...

Caballero sobre o delegado da Xunta López-Chaves: “É un mercenario político e mentireiro patolóxico”

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volve ser tema de conversación na cidade de Vigo. E todo a conta da PassVigo, a tarxeta de transporte metropolitano. O alcalde, Abel Caballero, asegurou este luns que existe “un clamor” na cidade para que se declare persoa “non grata” a Feijóo porque os vigueses están “fartos” das súas medidas “en contra da cidade” e que culminaron “cunha lei singular para que Vigo lle pague o bus a todo o mundo”. Unha proposta que non comparten nin o PP, nin En Marea.

Abel Caballero insistiu en que a lei 2/2017 impide aplicar o criterio de empadroamento para dar bonos sociais de transporte (a parados, pensionistas, discapacitados, etc.), pero dita norma “só se aplica en Vigo”, xa que o resto de cidades galegas si que teñen esa esixencia e non se denunciou.

“E sae este mercenario político, este mentireiro patolóxico, ao que lle pagan por mentir, negando a lei, a ver se coa”, proclamou o alcalde, en alusión ao delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves. “Di que a lei é para todos, pero só se aplica en Vigo”, engadiu. O rexedor olívico criticou, ademais, que o PP da cidade “defende entusiasta” a posición da Xunta, e “por iso a xente está indignada e pide declarar persoa ‘non grata’ a Feijóo”.

Así o manifestou o rexedor nunha rolda de prensa na que, no entanto, non concretou se, ante ese “clamor” e a “enorme cantidade de peticións” dos vigueses, tramitará esa declaración para que sexa levada a pleno. “Iso depende do alcalde, e as miñas decisións tómoas eu”, aseverou, e lembrou que, xa en 2013 e por iniciativa súa, o pleno declarou persona “non grata” ao entón comisario europeo Joaquín Almunia pola súa actitude ante a crise do tax lease, que afectou de forma grave á industria naval viguesa.

DEMAGOXIA

Pola súa banda, o concelleiro do PP Miguel Fidalgo ante as críticas de Caballero a Feijóo, lembrou que o alcalde de Vigo presentouse ás eleccións autonómicas en 1997 e colleitou “o peor resultado” da historia dos socialista galegos, mentres que o actual presidente da Xunta leva “tres maiorías absolutas, e co apoio dos vigueses”.

“O que non fai Feijóo é demagoxia, non vai dando caramelos na Cabalgata de Reis nin toca o bombo”, engadiu Fidalgo, quen insistiu en que “ningunha cidade de Galicia esixe estar empadroado para dar bono bus ordinario”.

“O que lle pasa a Caballero é que está acelerado porque as sondaxes non lle son propicias e Vigo non lle vai a volver dar maioría absoluta. Non sei que enquisas ten el, igual a que ten fíxoa a cuñada de Carmela Silva, que é a que fai as enquisas”, ironizou.

Fidalgo volveu a esixir que se realice unha “auditoría” das contas da concesionaria do bus, Vitrasa, e lembrou que, en 2015, con medio millón de tarxetas verdes, o Concello pagaba a Vitrasa 11,5 millóns; mentres que, coa nova PassVigo só para empadroados (unhas 120.000 tarxetas, segundo os seus cálculos), o custo é de 13 millóns. “Onde vai o diñeiro?”, cuestionou.

“SOLEMNE TONTERÍA”

Mentres, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, cuestionado sobre ese suposto “clamor” para declarar persona “non grata” a Feijóo, afirmou que é unha “solemne tontería” expor sequera ese tipo de iniciativas nun pleno municipal.

Segundo indicou, o que o goberno municipal debe facer é esixirlle á Xunta que se cumpra co espírito do convenio do transporte metropolitano, e reclamarlle á administración autonómica que asuma o custo do 80 por cento dos billetes de bus. Así, criticou que se utilice o pleno da Corporación para “o xogo de machos alfa entre Feijóo e Caballero”, en lugar de dar ideas e esixir solucións.

ÚLTIMAS

Fin á folga en Radioloxía en Vigo: o Sergas acepta sumar un terceiro médico de garda

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e radiólogos de Vigo alcanzaron este xoves un...

Morre apuñalado un home na antiga estación de bus en Vigo

Un home faleceu na tarde deste xoves en Vigo tras ser apuñalado na contorna...

Caballero arremete e eleva a batalla polo Mundial 2030: “A Xunta non quere pagar Balaídos”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu cargar contra a Xunta, asegurando que "non...

Vigo paraliza idea dunha facultade de Medicina tras o preacordo para a docencia descentralizada

A Xunta de Galicia e os reitores das tres universidades galegas acadaron un preacordo...