A Cooperativa de Armadores de Pesca do Po rto de Vigo (ARVI) e o Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética (EnergyLab) inician a segunda fase do proxecto ‘Inertimar’, co obxectivo de desenvolver e validar a bordo dun barco pesqueiro un sistema de exterminación de parásitos sustentable e efectivo.
Segundo explican nun comunicado, hoxe en día, un gran número de barcos pesqueiros retiran as vísceras do peixe tras a súa captura para evitar que os parasitos se propaguen dentro do peixe. Con todo, estas vísceras contaminadas son devoltas ao mar, o que supón o retorno do parásito ao medio mariño e a posibilidade de que volvan introducirse noutros peixes.
Coa fin de dar solución a este problema, no ano 2019 ARVI e o Centro Tecnolóxico EnergyLab desenvolveron un proxecto no que empregan calor residual dun motor de combustión para descontaminar os residuos xerados no parque de pesca. Este método permite reducir a redifusión do parásito sen xerar un custo enerxético adicional, polo que non implica un incremento na pegada de carbono do buque.
Tras o éxito dos resultados obtidos, vaise desenvolver este novo proxecto no que EnergyLab e ARVI, como entidades colaboradoras, propoñen avanzar no desenvolvemento do prototipo inicial. O proxecto Inertimar é unha iniciativa enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiada polo Fondo Europeo NextGeneration.
“Neste proxecto deseñarase e construirase un prototipo que se adapte a un buque pesqueiro existente e que sexa facilmente adaptable ao resto da frota”, indican as entidades no comunicado. Este novo prototipo será instalado a bordo dun dos buques de Gran Sol, e formarase á tripulación para o seu funcionamento durante a marea de proba.
“O proxecto pretende aumentar a confianza do mercado ao preservar a calidade da pesca e mellorar o produto final grazas ao desenvolvemento dunha máquina sinxela, eficiente e robusta que ademais non consuma enerxía”, sinalan.