Home Medio Ambiente e Patrimonio (Vídeo) As activistas enfróntanse aos cazadores en Moraña: “Raposo vivo! Raposo protexido!”

(Vídeo) As activistas enfróntanse aos cazadores en Moraña: “Raposo vivo! Raposo protexido!”

1
(Vídeo) As activistas enfróntanse aos cazadores en Moraña: “Raposo vivo! Raposo protexido!”
As activistas fronte a un cazador © Miguel Nuñez

O val de Moraña amencía este sábado cuberto de néboa. Aínda non levantara de todo cando os cazadores chegaron. Eran máis dun centenar deles e estaban convocados pola Federación Galega de Caza para participar no campionato de caza de raposos. Axiña se esparexeron polo monte coas escopetas ao lombo na busca dos animais.

Mais desta vez, non estaban sós. A canda eles un grupo dunhas vinte persoas, a meirande parte delas mulleres, trataron de impedir que este evento dera saída e os cazadores puideran cumprir os seus obxectivos. “Non á caza! Raposo vivo! Raposo protexido!”, berraban. A voz destas mulleres, que se organizaron a través das redes sociais durante estes últimos días, proxectábase forte para que puidese chegar a todos os recunchos.

Acompañadas de cazos, frautas, pandeiretas e pitos para facer ruído, as activistas botáronse ao monte co gallo de acercarse á zona de acción dos cazadores e espantar os raposos do seu alcance. Non é a primeira vez que organizan unha contraconvocatoria para facer fuxir os animais do lugar e para reivindicar a prohibición deste tipo de actividades. É o que xa coñecen como “batucada raposa”.

A cazaría, que comezou ás nove e se prolongou durante toda a mañá, saldouse coa matanza dun total de sete raposos: catro machos e tres femias. Quizais o balbordo das activistas conseguise finalmente salvar algún animal da morte. Unha das activistas criticaba perante a cámara do Xornal de Vigo a opacidade coa que se desenvolven estas actuacións, xa que nin os concellos nin a propia cidadanía coñecen ata pouco antes de se producir onde han ter lugar as macrobatidas.

“Hoxe somos poucos os que estamos aquí, pero detrás nosa hai moita xente indignada“, reivindicaba. “Os montes teñen que ser seguros e os raposos teñen que estar vivos, correndo por eles e mantendo o seu equilibrio”. Por iso, a activista non dubida de que elas, xuntas, non deixarán de estar do lado dos animais: “Haberá sempre unha voz alzada para defendelos. A caza non é un deporte“.

Recordou tamén que non hai “ningún” informe técnico que avale a superpoboación de raposos en Galicia, e ademais, criticou os cartuchos das escopetas que quedan tiradas na terra. “É contaminación ambiental. Vai na vida dos que habitan estes montes”.

Os cazadores, pola súa banda, argumentaron que eles pagaron as súas licenzas para poder desenvolver a xornada como tiñan prevista.

1 COMENTARIO

  1. Maravillosas personas, que defienden la vida. Las especies animales no son de los cazadores, son del campo, son de los montes, son de la Naturaleza. patrimonio de todos. Es una cobardía salir a perseguir a los animales con un rifle y con perros. Los raposos, bellísimos por otra parte, tienen tanto derecho a vivir como los energúmenos que salen a matar. Felicitamos a todas las personas que han participado en “Raposo vivo! Raposo protexido!”. Nos hacen tener esperanza en la especie humana. Purificación G. de la Blanca

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here