InicioEconomíaEconomistas da UVigo afirman que os municipios con máis concelleiras teñen “peor...

Economistas da UVigo afirman que os municipios con máis concelleiras teñen “peor desempeño fiscal” e empeora se son de dereitas

Os profesores da Universidade de Vigo presentan un estudo no que, entre outras cousas, aseguran que as concelleiras conservadoras “empeoran o equilibrio orzamentario” dos concellos.

PUBLICADO O

Un estudo de dous profesores da Universidade de Vigo afirma que “os municipios españois teñen un peor desempeño fiscal a curto e longo prazo cando hai unha maior proporción de concelleiras”. Os autores tamén defenden que “as concelleiras de dereitas aumentan significativamente os desequilibrios orzamentarios”.

Os profesores, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, chegan a estas conclusións logo de aplicar un modelo matemático de regresión con diferentes variables, para un período de catro ciclos electorais (2004-2017), en 233 municipios de máis de 30.000 habitantes de todo o Estado español, agás Euskadi e Navarra.

Os seus resultados, din, “contrastan coa hipótese de que esta maior participación [de mulleres] conduciría a unha mellora do desempeño fiscal, proposta en base a diferentes argumentos teóricos”, expoñen.

“Un peor desempeño fiscal”, matizan, “non provén dun agravamento dos desequilibrios orzamentarios (curto prazo) ou de maiores niveis de endebedamento (longo prazo), senón basicamente polas maiores taxas impositivas naqueles municipios con máis mulleres nos seus concellos”. Isto, proseguen, “é consistente coas súas diferentes preferencias polo gasto público e os impostos”, como din que “se informa” na literatura revisada por estes profesores.

“Debido á lexislación española, estes tipos impositivos máis elevados supoñen unha redución da marxe de gravame que os municipios deben afrontar en posibles situacións futuras de tensión fiscal, colocando os concellos en situacións de maior vulnerabilidade fiscal”, explican.

Unha das hipóteses do estudo era se ter unha alcaldesa afecta o desempeño fiscal dun municipio, mais esta non foi verificada; con todo, din que atoparon “evidencia de que os municipios empeoraron o seu desempeño fiscal nun ano no que houbo un cambio de alcalde a alcaldesa, en liña co sinalado en relación á maior presenza de concelleiras no Concello”.

“Isto”, insisten, “contradí a hipótese de que, con base no comportamento feminino cara ao risco, levaría o municipio a mellorar o desempeño fiscal”.

Finalmente, afirman que “malia ter atopado evidencia de que a ideoloxía das mulleres líderes nos concellos (concelleiras e alcaldesas) ten diferentes efectos sobre algúns aspectos fiscais específicos, tampouco puidemos confirmar a hipótese de que a ideoloxía das mulleres ten efectos sobre o desempeño fiscal a curto e longo prazo”.

Os “efectos significativos” dos que falan refírense a “algunhas partidas financeiras” que, segundo estes economistas, “empeoran o equilibrio orzamentario”, principalmente cando as concelleiras son de dereitas: “Por cada punto porcentual de concelleiras con ideoloxía de dereitas, o saldo orzamentario empeoraría un 0,12% do valor medio”.

Con todo, tamén chegan á conclusión de que “os municipios gobernados por alcaldesas coa mesma ideoloxía teñen un menor nivel de endebedamento per cápita”, que é máis elevado “nos municipios españois con gobernos de ideoloxía de dereitas”, nos que sitúan a débeda per cápita 20,98 de euros superior aos dos concellos gobernados pola esquerda; isto, proseguen, “suxire que os gobernos de dereitas utilizan a débeda de maneira estratéxica e que as diferenzas de xénero en partidos con esta ideoloxía son notables”.

Os autores do estudo –Roberto Cabaleiro Casal e Enrique Buch Gómez– veñen de publicar o seu traballo na revista académica Economics & Politics.

ÚLTIMAS

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...

Poñen marcha un servizo de aluguer de bicis eléctricas en Vigo, dispoñibles en sete aparcadoiros da cidade

A compañía Welgood puxo en marcha un servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en...