O comité de Empresa do Faro de Vigo anunciou que se oporá a aprobación dun ERTE por parte do Grupo Prensa Ibérica –dono deste xornal e de La Opinión de A Coruña– ao entender que non existen razóns obxectivas para a súa aplicación.
Nun comunicado remitido, os traballadores do xornal denuncian as razóns dadas polo dirección do grupo para este ERTE. “No obedece a causas económicas si no a que ‘no podemos mantener la estrutura’”, apuntan. É dicir, que Prensa Ibérica sacrifica aos distintos xornais que posúe para manter a todo o grupo e comunica esta decisión sen tela consultada antes cos distintos comités dos medios que controla.
Así, lembran que, a pesar da gran crise sanitaria que sacode todo o mundo, eles non pararon a produción do xornal –nin no papel, nin na versión web–, e que a maioría dos traballadores puxeron a disposición da empresa os seus medios persoais –ordenadores, wifi, electricidade, teléfono– para traballar desde a casa. “Sen o teletraballo cos medios que están aportando os traballadores non podería saír o xornal durante os días de confinamento”, din.
O comité lembra que para afrontar situacións así existen outras fórmulas como o desfrute de descansos por festivos ou a compensación de horas extras con tempo de descanso. Con todo, a intención de Prensa Ibérica e comezar co ERTE a mediados de abril, polo que o xornal tería que afrontar a situación de crise sanitaria que aínda persistiría co plantel reducido.
“Hai razóns para rexeitar o ERTE e enfrentarse a el con todos os medios ao seu alcance, tanto de protesta como administrativos, por considerar que responde máis a un intento da empresa de beneficiarse desta complicada coxuntura que a situación real de negocio do Faro de Vigo”.