O Concello de Vigo investirá 1,2 millóns de euros para mellorar a condución da auga desde a presa de Eiras, situada nos municipios pontevedreses de Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, ata a potabilizadora da cidade olívica.
Así o anunciou na súa rolda de prensa diaria o alcalde, Abel Caballero, quen explicou que esta actuación levará a cabo na zona de Río Frío de Redondela. Caballero indicou que esta actuación se une a outras que o Concello levará a cabo en Vigo para mellorar a distribución da rede de abastecemento de auga en zonas como Coruxo, Matamá ou Teis.
O rexedor asegurou que a obra que se fará en Redondela tería que ser pagada pola Xunta de Galicia xa que, ao seu xuízo, é competencia do Goberno autonómico. Por iso, engadiu que enviará as facturas ao Executivo galego para que as abone.
O alcalde, tras a xunta de goberno local, tamén pormenorizou diferentes obras que xa foron aprobadas, como a fase 1 da Clara Campoamor en fronte ao Hospital Álvaro Cunqueiro, a cal custará case medio millón de euros e indicou que tamén tería que pagala a Xunta, por estar preto do centro sanitario, a pesar de ser unha estrada municipal.