Busquen “Torneiros” en Google Maps e apareceralles unha pequena parroquia situada na contorna de Vigo -Concello do Porriño, máis concretamente-. Búsqueno despois en Google a secas e verán que deste pequeno lugar só se fala por dúas cousas: os depósitos de lindano que ameazan a vida dos veciños e o proxecto da Zona Franca de Vigo para construír un megapárking sobre a súa principal zona verde.
A historia do lindano é coñecida: unha planta industrial nos anos do franquismo, control inexistente, pesticida canceríxeno baixo as casas dos pobres. O caso do párking é máis recente: 25.000 metros cadrados de cemento proxectados por unha empresa privada sobre unha zona que debería ter sido protexida polo seu valor natural –así o considera a UE— pero non foi. E hai máis: as seis casas que, de acordo cos veciños da zona, obrigaría a derrubar o plan construtivo.
Pero, en que consiste tal proxecto? Segundo o Consorcio Zona Franca de Vigo, organismo impulsor, trataríase dun “centro loxístico” pensando para desatascar dúas vías moi afectadas polo tráfico de camións: a AP-9 e a A55. O complexo, que inicialmente ía comprender 10 hectáreas, foi ampliado a unhas 25 para incluír, entre outras instalacións, duchas, unha aula de formación e até un ximnasio. Dende o Consorcio alegan que que con esta ampliación se afianza o futuro do proxecto.

Non opinan igual os veciños do lugar. Fátima Rodríguez, voceira dunha plataforma de recente creación, alega que o plano está “sobredimensionado” e que mermaría gravemente a calidade de vida dos case 4.000 residentes en Torneiros. Á parte está a cuestión ambiental, porque 20 das 25 hectáreas proxectadas afectarían á zona verde que comprenden as Ribeiras do río Louro e as Gándaras de Budiño, hábitats de conservación prioritaria para a Unión Europea.
O PROVLEMA DA REDE NATURA
Agora ben, esta consideración non implica que a zona estea protexida: debería estalo, pero non se fixo. Ademais, como destaca Fátima Rodríguez, terreos limítrofes e de características moi semellantes si están cubertos pola Rede Natura 2000. Por que non os de Torneiros? “Aquí hai zonas de interese ecolóxico pero só nos quedan uns pequenos fragmentos: pasounos a autopista, pasou o enlace…”, incide.
Nos últimos anos, asociacións ecoloxistas veñen de acusar á Xunta de deter a ampliación da RN2000 demandada pola UE para seguir construíndo sobre estas zonas, problemática que se estaría a apreciar de forma especial no caso dos parques eólicos. No caso de Torneiros, a desprotección do terreo permitiu que a UTE encargada do proxecto escollera esta zona. Foi en outubro de 2021. Un mes despois, o Consorcio, presidido por Abel Caballero, deu luz verde ao voto da empresa e arrincaron as engranaxes. Nestes momentos, os trámites atópanse en stand-by despois da negativa de todos os grupos políticos do Porriño a albergar o centro na parroquia.
CHAN INDUSTRIAL
Con todo, Torneiros ten moitas bazas para continuar como escolla da Zona Franca para instalar o párking. Escollido pola empresa entre outras 43 localizacións, atópase nun espazo ‘privilexiado’ entre a AP-9 e a A55. Por riba, a zona está planificada como chan de uso industrial no PXOM dende 2003. Por aqueles anos ponderárase establecer un parque empresarial que resultou freado pola burbulla inmobiliaria.
Fronte a estas circunstancias, os veciños demandan a paralización total dos trámites administrativos e a procura dunha nova localización para o proxecto deseñado. Asemade, instan ás administracións “local e autonómica” a facer fronte aos movementos da Zona Franca e, por último, subliñan tamén que o Concello do Porriño debería recualificar a zona verde ameazada para evitar ameazas desta natureza.
A problemática do Centro Loxístico de Torneiros xorde nun momento en que as tensións centro-periferia collen forzas renovadas en Galicia. Uns 70 quilómetros ao norte, en Santiago, o Concello batallou cos veciños de Mallou para instalar o seu propio centro loxístico nesta parroquia ao norte da cidade. Finalmente, Raxoi desistiu; optando por levar o proxecto a unha nave do Polígono do Tambre. A estas horas en Torneiros, seguro que hai alguén preparándose para facer ruído.