InicioSociedadeA artesanía loita por saír adiante en Vigo: "Estar a gusto co...

A artesanía loita por saír adiante en Vigo: “Estar a gusto co que fas é máis valioso que o diñeiro”

Tendas como Allur téñeno claro: "As pequenas imperfeccións son as que conforman á peza o seu carácter único".

PUBLICADO O

Visitamos dúas tendas que iluminaron nas últimas datas o pequeno comercio vigués. Mentres que Bruxarte se especializaba nun produto típico galego, elaborado polos seus propios donos con materiais da nosa terra, pero xa tivo que pechar permanentemente; Allur, que se adica á importación de pezas textís (a maior parte deles artesanais, se ben algúns tamén industriais) da India, é un establecemento que por fortuna aínda mantén a súa vitalidade.

A tenda Allur, no casco vello de Vigo, traballa na importación de artesanía do mundo asiático, en especial de países coma Pakistán, Turkmenistán ou a India. De feito, a súa dona, Olga, xa montou unha escola na India.

Nas súas viaxes atopa diferentes produtos que lle chaman a atención pola súa beleza, e trae para o establecemento. Pero, na súa maioría, o que se expón en Allur provén de dúas fábricas coas que traballa expresamente, e que coñece de forma persoal, tamén aos seus traballadores.

Allur/ Miguel Núñez

Dende a tenda cren que a mala situación do comercio artesanal pode explicarse pola filosofía de consumo actual, máis preto da obsolescencia: “A xente non quere a roupa para 5 anos, non se demanda calidade, é mercar, tirar e mercar. A artesanía está en declive porque precisamente é iso, calidade, leva traballo, a dedicación de alguén, ten vida propia”.

Allur/ Miguel Núñez

O de Allur trátase dun produto importado que soporta fortes impostos, á saída, no movemento e na entrada, polo que pode chegar a ser máis elevado o imposto que o valor inicial que se paga pola peza en India.

Allur/ Miguel Núñez

Teñen unha clientela moi variada, dende mozas e mozos a persoas maiores, e produtos máis industriais e outros menos, sendo India tan grande coma Europa, e Asia o continente do téxtil. Nas súas etiquetas, aparece serigrafiado: “As pequenas imperfeccións conforman ás pezas o seu carácter único”.

Allur/ Miguel Núñez

En Bruxarte (Rúa Cesteiros, 6), que levaba aberta 15 anos e se veu forzada a pechar permanentemente, vendían produtos artesanais galegos de todo tipo de materiais, e incluso na propia tenda impartían clases para aprendices. Nieves (na imaxe) encargábase de traballar o coiro para elaborar bolsos, mochilas, carteiras, pulseiras…

Nieves, en Bruxarte/ Miguel Núñez

“Os barcos nótanse na xente que pasa pola rúa”, chanceaba Nieves cando Bruxarte aínda estaba en pé, querendo dicir que xa non paran tanto coma antes, e seu impacto económico é máis ben escaso. A tenda estaba na rúa Cesteiros, nome esclarecedor pero “antes era todo artesanía e agora…”, laméntase.

Rúa dos Cesteiros/ Miguel Núñez

Os produtos máis demandados na tenda eran os de cerámica, madeira e coiro (axendas, billeteiras…). Os traballos en madeira os realizaba o seu marido, a partir de árbores do país, como o carballo.

Bruxarte/ Miguel Núñez

Resulta difícil competir contra os produtos industriais: “O que prefire a maioría da xente son bolsos de tempada, que se chaman de tempada porque é o que duran, unha tempada, e comprar outro, non mercar un de 110 feito a man porque os hai de 30, aínda que o de 30 só dure un ano”.

Rúa dos Cesteiros/ Miguel Núñez

“A xente que merca artesanía sabe que vai durar, hai quen leva con produtos feitos aquí, unha billeteira por exemplo, dende que abriu a tenda. Encárgannos regalos personalizados, porque son cousas feitas con cariño, coas que botas tempo e esforzo”, salientaba Nieves durante os derradeiros meses de vida do establecemento.

Rúa dos Cesteiros/ Miguel Núñez

O seu é un oficio entregado, cheo de dedicación e esforzo: “Vivir só da artesanía é moi complicado, non podes cobrar o tempo que che leva facelo. Facer unha mochila ou un bolso de coiro pode levar vinte horas, tranquilamente. Xa só tinxilo pode comerte unha mañá… Non cobramos as horas que leva”.

Bruxarte/ Miguel Núñez

Nieves foi auxiliar de enfermaría en Povisa, tamén traballou nun restaurante: “Estar a gusto co que fas é máis valioso que o diñeiro, non valoro gañar moito senón o pracer de facer unha peza. Ás veces dábanme as 10 da noite e estaba no taller”.

Obradoiro en Bruxarte/ Miguel Núñez

ÚLTIMAS

Por que foi anulado o plan de urbanización do Barrio do Cura?

O xulgado do contencioso administrativo 1 de Vigo ditou sentenza pola que declara nulo...

O bus urbano alcanzan unha operatividade do 98 % en días laborables tras o fin da folga, segundo Vitrasa

O servizo de bus urbano de Vigo recupera a normalidade tras máis de 3 meses...

Retencións de varios quilómetros na AP-9 ao seu paso por Vigo tras producirse un accidente e unha picada de roda

Un accidente entre un camión e un coche e unha picada de roda doutro...

Vigo acollerá en xuño o foro Galicia Biodays 2024 sobre industria biotecnolóxica e ciencias da vida

O Auditorio Mar de Vigo acollerá os días 12 e 13 de xuño o encontro internacional...