InicioSociedadeUn estudo da UVigo demostra que os pacientes de hipertensión deben medicarse...

Un estudo da UVigo demostra que os pacientes de hipertensión deben medicarse pola noite

Os investigadores responsables veñen de gañar varios premios, e xa viron publicado o seu estudo na revista científica de maior prestixio neste campo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Proxecto Hygia, estudo sobre hipertensión que investigadores da Universidade de Vigo e facultativos do Servicio Galego de Saúde desenvolveron ao longo de once anos cunha poboación de 18.000 pacientes, marca un punto de inflexión no enfoque clínico do risco cardiovascular e o tratamento da hipertensión.

Todo ao concluír que o risco cardiovascular depende do nivel de presión arterial durante o sono, o cal está a xerar unha grande expectación nas sociedades científicas e clínicas internacionais, como amosa o feito de que os seus principais resultados veñan de ser recollidos na revista científica de maior impacto mundial no ámbito da cardioloxía, o European Heart Journal.

Así o confirmaron este mércores os coordinadores principais do proxecto, o catedrático da Universidade de Vigo Ramón Hermida e o coordinador da Unidade Compartida de Investigación de Atención Primaria, Juan Crespo, nunha rolda de prensa na que tamén estiveron presentes o xerente da EOXI de Vigo, Félix Ruibal, e a vicerreitora de Investigación da Universidade, Belén Rubio.

“O feito de que esta revista publique o estudo está revolucionando o mundo científico, dadas as posibles consecuencias clínico asistenciais sobrevidas en relación ao diagnóstico, prognóstico e orientación terapéutica da hipertensión arterial e risco cardiovascular; isto é, as conclusións deste estudo marcarán un antes e un despois no enfoque clínico destas patoloxías”, afirma o doutor Juan Crespo.

Participaron neste proxecto 292 investigadores e investigadoras de 40 centros clínicos, maioritariamente da área sanitaria de Vigo, aínda que tamén contou coa participación de facultativos das áreas de Ourense, Pontevedra, Santiago e Lugo, pertencendo un 70% deles a centros de saúde do sur de Galicia.

Nova definición de hipertensión

A principal conclusión que os investigadores obtiveron tras estes anos de traballo é que o risco cardiovascular está asociado coa elevación da presión arterial durante o sono, con independencia de que a presión medida na consulta médica ou cando o paciente estea esperto sexa normal ou alta.

Ademais, o estudo demostra que reducir a presión durante o sono co tratamento hipertensivo reduce de forma significativa o risco de eventos cardiovasculares, converténdose así nun novo obxectivo terapéutico.

Nese senso, o estudo conclúe que esta nova definición de hipertensión baseada na presión durante o sono e o perfil circadiano (variación da presión arterial ao longo das 24 horas) “indica que o 47% dos pacientes está mal diagnosticado”.

Tratamentos máis efectivos pola noite

Outra das principais conclusións do estudo é que o risco cardiovascular nos pacientes con hipertensión diminúe considerablemente cando se lles administra a medicación pola noite, no momento de deitarse a descansar, en lugar de tomala cando se levantan.

“Temos demostrado que as posibilidades de sufrir un accidente vascular, como un infarto, insuficiencia cardíaca ou ictus redúcense nun 53% cando o tratamento hipertensivo se toma pola noite en vez de pola mañá”, salienta Hermida, investigador do centro AtlanTTic e docente na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

Estas conclusións son o resultado de once anos de investigación, nos que se estudou a 18.078 pacientes, cunha media de seguimento de cinco anos por paciente. “Trátase do maior estudo de risco cardiovascular prospectivo realizado nunca”, engade o catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións.

O estudo, sinalan os seus responsables, é especialmente significativo dada a alta prevalencia da hipertensión, que afecta a un 40% da poboación, incrementándose nos rangos de maior idade, chegando a afectar ao 70% das persoas maiores.

Aos pacientes incluídos neste estudo realizábanselle unhas probas consistentes nun seguimento mediante unha monitorización ambulatoria de presión arterial (AMPA), realizada a través dun aparato que se lle entregaba ao paciente no centro de saúde e que debía portar durante dous días para que cada 20 ou 30 minutos lle medise a tensión.

Conseguíase así unha medición continuada durante todo o día, o que permitiu aos investigadores identificar que o risco cardiovascular está asociado á elevación da presión arterial durante o sono e non cando o paciente está esperto.

Varios premios internacionais

As conclusións desta investigación fóranse xa avanzando segundo se ían coñecendo os resultados parciais da observación dos pacientes nos últimos anos, o que xa lle valeu ao grupo investigador varios recoñecementos e premios en distintos congresos nacionais e internacionais.

“De feito, xa hai países que optaron pola alternativa de medicar a estes pacientes pola noite, xa que os medicamentos demóstranse moito máis eficaces cando actúan durante o período de descanso e de soño do paciente”, salentan os coordinadores da investigación.

ÚLTIMAS

Vigo rexeita o recurso de Ryanair e mantén a sanción por reducir voos

O Concello de Vigo confirmou o rexeitamento do recurso de reposición presentado pola aeroliña Ryanair contra a sanción imposta pola...

Caballero impulsa accións legais pola exclusión de Vigo como sede do Mundial 2030

O Concello de Vigo iniciou os trámites para estudar unha posible reclamación xurídica fronte...

195 millóns: o custe do novo contrato entre SERGAS e Povisa

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Hospital Ribera Povisa de Vigo finalmente...